Día da Clase Obreira Galega – 10 marzo 2022

Este ano cúmprese o 50º aniversario das loitas que deron lugar á conmemoración do 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega. En marzo de 1972, Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados en Ferrol a mans da policía franquista. O motivo, participar nunha protesta sindical nos estaleiros ferroláns de Bazán. Este feito propiciou o estalido de diversas folgas e protestas tanto a nivel nacional como estatal.

Estas protestas estiveron atravesadas pola cuestión nacional. Nos anos 70 experiméntase o xurdir do movemento do nacionalismo popular galego en todos os eidos, coa cuestión de clase e o principio de auto-organización como bandeira. Son anos convulsos a todos os niveis, nos que a sociedade galega sufriu unha falsa transición política cara un modelo que nos segue a asoballar na actualidade.

Desde Isca! recollemos esta data e sentímola igual de vixente. As mozas comunistas galegas sabemos da importancia da organización, da loita colectiva e da emancipación nacional como vías imprescindíbeis para superarmos o sistema capitalista e erguermos unha sociedade nova.

A nosa loita é diversa e inclusiva. Somos comunistas e internacionalistas, e camiñamos da man de toda reivindicación que teña como obxectivo a emancipación da clase obreira. Loitamos, como Amador e Daniel, polos nosos dereitos como traballadoras e contra todo tipo de explotación á que nos forza o sistema depredador e individualista capitalista, e facémolo acompañando as loitas que nos afectan como clase: en defensa do pobo palestino, polos dereitos das persoas LGBT, por un ensino público e galego de calidade etc. Quen se organiza, quen alza a voz e toma as rúas é a nosa clase, a clase obreira.

Cunha reforma laboral que ataca os nosos dereitos como traballadoras, o aumento dos prezos dos alugueiros e os bens esenciais como a electricidade, unha taxa de paro xuvenil de case o 40 %, a perda de dereitos para vivirmos con normalidade en galego, ou a violencia machista intrínseca do patriarcado, resulta vital e inmediato estarmos organizadas para facermos fronte ao grande capital e ao Estado que o sustenta. Hoxe conmemoramos unha data histórica para o pobo galego, sen esquecermos que agora máis que nunca é preciso fortalecérmonos como clase para construírmos unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e máis combativa.

Que viva a clase obreira galega!

Día da clase obreira galega 10M 2022

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario