[Día da Clase Obreira Galega] Marzo, un mes de loita!

 

Marzo, do latín Martius era o mes dedicado ao deus romano da Guerra. Hoxe queremos facer memoria dalgunhas das batallas libradas polo Proletariado .

En 1910 foi aprobado que o día 8 de marzo pasara a ser o Día da Muller Traballadora por proposta de Clara Zetkin.

Sete anos despois, as mulleres rusas encabezadas polas operarias do textil de S. Petersburgo amotináronse ese día ante a falta de alimentos, Alexandra Kollontai dixo que “Nese día a muller rusa levantou a bandeira da revolución proletaria (…). A revolución de febreiro acabara de comezar”.

Na Galiza os días 8 e 9 de marzo de 1918 comezaba a Revolta das Pedradas, tamén encabezada polas mulleres do téxtil dos concellos de Narón e Neda , na comarca de Ferrolterra; unha revolta que mobilizaría a toda a Comarca e que este ano lembramos no seu centenario.

En marzo de 1972 as mulleres tamén tiveron un papel vital en Ferrolterra, nuns sucesos que comezaron tras a asemblea do 8 de Marzo para esixir un Convenio Provincial(Galego) para Bazán; en contra do convenio firmado a nivel Interprovincial(Español) coa colaboración do Sindicato Vertical franquista(sindicato proréxime, pactista).

As protestas de 1917 en Rusia e 1918 e 1972 na Galiza tiveron a mesma reacción por parte do Capital, a represión protagonizada polos Corpos de Seguridade do Estado. Tamén foi en marzo de 1976 cando a policía franquista masacraba ás obreiras en Gasteiz (Euskal Herria) seguindo as ordes de Manuel Fraga.

No 2018 a represión e a violencia de estado continúan a ser unha realidade e témoslles que facer fronte mediante a solidariedade e organización. Neste novo século a loita de clases é máis necesaria ca nunca para que as obreiras poidamos vivir cun mínimo de dignidade.

Hoxe as mozas, como parte da clase obreira, saímos a rúa. Berramos co puño pechado e sen esquecernos das que foron e son: asasinadas, encarceladas ou multadas por loitar por un mundo máis xusto.

Compañeiras, a loita continúa! Viva a Clase Obreira Galega!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario