Día da Patria 06 – Conquistando liberdade desde a base

Neste Día da Patria de 2006, isca! sae á rúa, participando na comitiva de Galiza Nova que asistirá á manifestación nacional convocada polo BNG baixo o lema Somos unha Nación. Como presentación, temos preparado un panfleto no que resumamos os nosos posicionamentos ao redor da realidade do país. Podes consultalo neste mesmo artigo.

Conquistando liberdade desde a base

Isca nace co obxectivo de aglutinar mocidade no seo da Organización Xuvenil do BNG, Galiza Nova, en torno aos principios da esquerda anticapitalista.

O neoliberalismo imponnos unhas condicións laborais de extrema precariedade: accidentes laborais, salarios de miseria, emigración, desemprego. Mais tamén unhas modas e pautas culturais que ademais de ser alleas están pensadas como mero mercantilismo que só beneficia ás grandes industrias culturais españolas (seguindo modelos anglosaxóns) e que fomentan o individualismo, a pasividade e que pretenden convertirnos nun suxeito pasivo da publicidade que de cidadáns pasemos a ser simplesmente consumidores. Como cidadáns dunha nación dependente, a mocidade somos unha das partes mais vulnerabeis do proceso de cambio social que, após destruir os sectores produtivos básicos, transformou a nosa realidade económica nunha economía de servizos. A dependencia da nosa economía fai que o empresariado autóctono sobreexplote á mao de obra para asi aumentar os seus beneficios.

Isca non ten unha visión da Galiza interclasista que nega a realidade da loita de clases no noso país. Como mozos que somos sabemos que estamos a vivir un proceso de proletarización a cada día mais acusado (Galiza supera o 75% de asalariados na súa populación ocupada). A nosa precariedade é o resultado da dependencia nacional mais tamén da búsqueda de a cada vez mais beneficio económico por parte da clase empresarial.

Para os mozos e as mozas que formamos Isca, a política debe ser algo mais que ir votar cada catro anos. Pensamos que detrás de percepcións moi estendidas entre a mocidade como a de que “todos os políticos son iguais” existe a parte de verdade aprendida depois de muitos anos de decepcións provocadas por unha “esquerda tradicional” que se resigna a xestionar o existente e que pide “confianza cega” nas súas promesas sen dar nada a cambio. Para nós, a única maneira de evitar este proceso reside na aplicación do principio da democracia participativa, nas institucións e tamén nas organizacións políticas. O eleitoralismo e a mercadotecnia na política só conducen a un punto: á homologación de todas as opcións políticas, á profisionalización da política.

Para a mocidade que formamos Isca non existe separación entre o político e o social. Todas as organizacións e movimentos sociais que traballan na Galiza fan tanta política como @s deputad@s e @s concelleir@s. Só desde unha visión que entenda o movimento nacionalista como un programa político que vai mais alá dos procesos eleitorais concretos e que non pretenda transformar en “correas de transmisión” ás organizacións sociais, poderemos transformar desde a esquerda a nosa nación. Desde Isca apostamos pola relación horizontal entre o BNG e os movimentos sociais que traballan en clave nacional, sen preponderancias nen demagoxias. Só asi, pensamos, poderemos abrir o Bloque ás demandas de aqueles sectores da sociedade galega que se deberian sentir representados pola Frente Patriótica: as mulleres, a mocidade e @s traballadores. Asi, pensamos tamén, o Bloque integrará tamén outras loitas: o ambientalismo, os feminismos, a loita contra a precariedade laboral e o desemprego, a loita antiglobalización, as loitas pola liberación sexual anticapitalista…

Pensamos que a democracia participativa debe ser un principio rector do nacionalismo. Non valen xa referencias a “analises correctas” ou “equivocadas” feitas por organizacións políticas verticalistas nas suas cúpulas. As intelixencias colectivas ás veces cometen erros, mais, desde logo, estes terán fácil solución se se recurre á experiencia colectiva e á socialización dos problemas. O que sí que non leva a nengures é o “despotismo” de “todo para o povo, mais sen o povo” que impermeabiliza ás organizacións políticas e que afonda a cada vez mais as distancias entre a cidadanía e as organizacións que se din representativas da mesma.

As mozas e os mozos que compomos Isca estamos fart@s dunha visión pesimista da nosa sociedade que oculta as potencialidades que o povo galego ten. O movimento Nunca Mais, a loita labrega contra a cuota láctea, as folgas xerais, a nosa historia, o proprio medre eleitoral e social do nacionalismo… son probas de que somos un povo con futuro. As organizacións políticas transformadoras temos que estar tamén á altura das circunstancias e non debemos parasitar á nosa sociedade renunciando a dar pasos adiante nas nosas reivindicacións e na nosa loita diaria, as transformacións que operaron na nosa sociedade criaron novas demandas e tamén mais receptividade ante discursos de maior radicalidade e contundencia na defensa da nosa nación e das suas clases populares. As organizacións políticas temos tamén que render contas ante o povo galego e recoñecer os nosos erros se temos a intención de xenerar confianzas e de sumar mais povo no proxecto común do BNG.

Os mozos e as mozas de Isca pensamos tamén que temos que aprender do noso povo e que xa non valen certos “vangardismos” de esquerda mais tampouco de “dereita”. Non vale substraerse das propias contradicións e autoexcluirnos da nosa sociedade cando a analisamos. Os militantes do BNG tamén temos “clase” e debemos ser conscientes do papel que xogamos na sociedade e onde estamos situados cada quen de nós: negar que a nosa posición na estrutura de clases non determina en grande medida certas análises, ademais de idealista é un autoengano. É importante saber a que suxeito político queremos dirixirnos e cuais son as maiorias sociais na nosa nación. A precariedade é un problema dunha maioria social, mais non todos nós estamos afectados por ela. Xa que logo a “comodidade laboral” de algúns non pode levar implícita nas análises a negación da loita de clases.

Desde Isca pensamos tamén que a transformación da nosa sociedade non é un horizonte máximo. Para nós a transformación comeza no dia a dia a comezar polas proprias organizacións políticas que deben ser coerentes na prática co que defenden na teoria. Por exemplo: de nada serve defender a xestión participativa no institucional se dentro das organizacións se practica o dirixismo e o verticalismo na dirección; de nada serve defender no programa un modelo económico non neoliberal se cando se chega ao governo se privatizan servizos públicos.

Os mozos e as mozas de Isca pensamos que a autodeterminación é un direito irrenunciábel do povo galego. Para nós non valen parches. O actual modelo constitucional español debe ser crebado, apostar polo manemento do status quo actual é unha renuncia que Galiza non se merece. A autodeterminación non é para hoxe nen para mañá, os direitos vanse conquistando dia a dia coa autoorganización da nosa sociedade e chega un momento no que o seu exercicio é xa irreversíbel. Traballar para que ese horizonte de soberania nacional plena no económico e no político se efectivice canto antes é o noso obxectivo. Non queremos perdernos no camiño, a autodeterminación é o camiño.

Desde Isca apostamos pola defensa da nosa língua. Os 25 anos de autonomía foron un fracaso para a língua. A acentuación do proceso neoliberal no noso pais coas suas implicacións (precariedade, transculturalización, desenvolvimento das novas tecnoloxías, impacto das industrias culturais españolas…) tiveron efectos nefastos para o galego especialmente entre a mocidade. Renovar as análises e as prácticas neste terreo é mais urxente que nunca. A loita pola defensa do galego estáse a increber mais que nunca na loita contra a globalización neoliberal.

Xa que logo, por todo isto e por moitas cousas mais, un grupo de mozos e mozas nacionalistas militantes de Galiza Nova criamos Isca, porque cremos que na organización e na loita está o noso futuro como pobo.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario