Dia da Pátria: con máis razóns que nunca, tomemos as rúas!

Hai 93 anos a Asemblea das Irmandades da Fala acordou festexar o día da nosa Patria o 25 de Xullo e agora, mais un ano, atopámonos perante esta data senlleira na cal miles de galegas de nación e de vontade reivindicamos de norte a sur, de este a oeste, en todos os recunchos do noso País, os dereitos nacionais que nos son negados, exixindo un novo marco político soberano onde sexamos nós, o pobo galego, quen decida libremente o seu futuro.

A crise sistémica do capitalismo na que estamos hoxe inmersas agudiza o proceso recentralizador do españolismo, e avanza na destrucción dos dereitos conquistados polas maiorías sociais durante anos de loita.
É a nosa obriga sinalar directamente aos culpábeis da situación actual que leva irremediablemente ao empobrecemento xeral da clase traballadora, que non son outros que os monopolios gobernados por unha oligarquía financeira que, no proceso de aceleración e acumulación do capitalismo, viron nos exiguos dereitos das clases populares o seu novo caladoiro. Así pois, e mediante os seus instrumentos de control que se condensan na chamada Troika (FMI, BCE e CE), impoñen a folla de ruta a seguir mendiante o cumplimento do memorandum do resgate como veñen de facer no Estado español, que non ten reparo en ceder aínda máis soberanía económica a estruturas non democráticas e que están fóra de calquera control popular.

O dia da Patria ten lugar neste complexo contexto de crise social en que cómpre, máis que nunca, afortalar os instrumentos de liberación da nosa clase do noso pobo, reforzando as estruturas organizativas do nacionalismo e da esquerda para dar unha resposta coherente e contundente a esta afrenta do capital, acumulando forzas baixo claves de liberación nacional e social, superando o capitalismo para construírmos entre todas un sistema democrático máis xusto e igualitario que non é outro que a democracia socialista.

Desde Isca! reafirmamos a nosa firme convicción no papel do BNG, e chamamos a toda a mocidade nacionalista a participar na manifestación que terá lugar en Compostela o 25 de xullo, con saída da Alameda ás 12h.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario