[Día da Patria 2014] Para gañarmos o futuro, República Galega!

Galiza sóio merecerá respeito cando abandonemos a nosa mansedume, dispois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente”. Con tal claridade expresábase Castelao ante a urxente necesidade de nos dotar colectivamente como pobo dos instrumentos precisos para o exercicio da nosa soberanía. Estamos nun momento no que o modelo político, institucional e territorial do Estado Español pasa por unha das súas peores crises de lexitimidade nas últimas décadas e no que seguimos a padecer unha fonda crise do sistema capitalista que pon máis que nunca de manifesto a estreita relación entre o proxecto de liberación nacional e o dunha transformación social digna de tal cualificativo.

Galiza é unha nación dependente e empobrecida no económico, no político e no cultural, sen soberanía nin poder de decisión e sometida desde hai máis de 500 anos a políticas españolizadoras, negadoras e centralistas que teñen como fin a nosa completa destrución como pobo e que abranguen todo o que nos rodea, desde o modelo e os contidos do ensino até a prohibición de vivir dos nosos sectores produtivos.

Un pobo sometido tamén a un sistema capitalista criminal e inherentemente corrupto que, para garantir as taxas de ganancia dunha minoría oligárquica, que responde ante proxectos políticos opostos ao noso, explota a meirande parte da poboación e condénaa a vivir penosamente no mellor dos casos, ou á miseria en moitos outros. Centos expulsadas pola forza das súas casas, milleiros nas ringleiras do desemprego (que é utilizado como unha das máis poderosas armas da patronal), crianzas que asisten a aulas sen poder almorzar e cuxo principal sustento son os comedores escolares, estafas e roubos dos aforros de toda unha vida, continuo desmantelamento da nosa industria e dos nosos sectores produtivos (desde a construción naval até o agro e a pesca), espoliación masiva dos nosos recursos e destrución do medio natural (en mente temos todas os grandes proxectos mineiros), mercantilización e adoutrinamento no ensino ou a masiva emigración da mocidade a razón de 70 exilios diarios. Que posibilidades de futuro digno na nosa terra temos cun goberno galego cómplice e actor necesario nestas prácticas?

Un sistema patriarcal en plena ofensiva, alentado pola Conferencia Episcopal e un goberno español que trouxo de volta o nacional-catolicismo que nunca marchou, mais que, de xeito sempre latente, ficaba oculto ou mesmo desprazado da vida diaria. A presión dos roles de xénero ás mozas sometidas e educadas a ser nais e esposas, a anulación dos dereitos sexuais e reprodutivos que impide ás mulleres decidir sobre os seus corpos, levando de novo ao aborto ao campo do ilegal e clandestino, así como o constante feminicidio, amosan que nunca se acabou co machismo nin se acadou a igualdade, como tanto cacarexa a propagada do capital.

Entendemos a soberanía e a independencia como a vía de saída do capitalismo e o único camiño para a construción dunha alternativa sistémica diferente, deixando atrás opresións de todo tipo, onde os dereitos sociais estean garantidos e non poidan ser mercadoría das que unha minoría extraia lucro.

Galiza é, como dixemos antes, unha nación oprimida, colonizada. Este é o noso marco nacional de loita revolucionaria, e é a clase obreira galega e as capas populares deste país quen teñen a responsabilidade de liderar esa loita facendo súa a reivindicación soberanista e inserindo no proceso de liberación nacional unha perspectiva de clase. Sen rachar co réxime capitalista español non será viable ningún proceso revolucionario, nin a construción dun sistema diferente que transforme de raíz o paradigma económico e social. É, pois, o proxecto independentista o único transformador digno de tal nome e, amais, a única vía posíbel, nestes momentos, de ruptura democrática co réxime para abrir as portas a un proceso constituínte co dereito a decidilo todo democraticamente, desde a base e a través do debate popular, como nos ensinan os procesos emancipatorios de Catalunya e Euskal Herria.

A mera conquista dunha República Galega non pode ser o noso obxectivo estratéxico final, senón un paso intermedio para a consecución dunha democracia real, dunha democracia socialista que culmine o proceso de emancipación social. Unha República plenamente soberana que enfronte os monopolios e que rache de xeito unilateral coas estruturas imperialistas das que fai hoxe parte o Estado Español como a NATO, o FMI ou a UE; considerando ilexítimas as súas medidas e non aceptando chantaxes das mesmas como a imposición de memorandos ou débedas ilexítimas.

Os tempos son chegados, que di o noso himno nacional, para reclamarmos, con toda a forza que nos confire ser parte dun pobo como o galego, a urxencia de acelerar o proceso de construción nacional, cunha alternativa ruturista e republicana nesta denominada segunda transición, após a abdicación do rei español Juan Carlos I e a rápida e opaca coroación de Felipe VI sen ningún tipo de debate popular.

Unha monarquía sustentada nunha estreita blindaxe informativa e xudicial, a través do silencio cómplice e a autocensura necesaria de partidos do réxime e medios do capital, destinada a ocultar premeditada e sistematicamente de onde vén e a que se adicaba a familia real, todo isto unido ao mito da Transición (coa colaboración necesaria da agora autoproclamada esquerda ruturista española) e a súa contribución á democracia (que aínda estamos a agardar). A monarquía é unha institución anacrónica, sustentada nos Principios Fundamentais do Movemento – que tan ben xurou Juan Carlos I – así como na lealdade a Franco e ás súas leis.

Non pode haber dúbida co principal símbolo de unidade e permanencia do réxime; non haberá emancipación se non nos libramos da monarquía española e apostamos por unha alternativa republicanista verdadeiramente ruturista (que é a única que leva sendo así desde a morte de Franco) como é a que enfronta o estado español cos procesos soberanistas para a construción de repúblicas libres e soberanas.

Por todo isto haise que organizar, hai que sumar forzas desde todos os ámbitos: movemento obreiro, movemento estudantil, asociacionismo político e cultural, deportes de base, centros sociais, activismo feminista, ecoloxismo, movemento veciñal… todos aqueles eidos que golpean día tras día o sistema e poñen unha pedra máis nese camiño de poder alternativo que construimos entre todas.

Para gañarmos o futuro deixemos de lado o individualismo e o apoliticismo, deixemos de lado a pasividade para dar paso á organización e á loita consciente. Porque imos botar abaixo este sistema, porque imos ser donas dos nosos propios destinos e porque imos rematar con toda opresión.

Para gañarmos o futuro
REPÚBLICA GALEGA!

Participa con nós nas convocatorias en Compostela:

  • 24 de xullo: a partir das 20:00 horas desde a Alameda partirá a manifestación xuvenil unitaria pola independencia baixo o lema “a mocidade mantendo viva a Galiza, independencia!” [+ info]
  • 25 de xullo: a partir das 12:00 horas desde a Alameda partirá a manifestación nacional do Bloque Nacionalista Galego baixo o lema “En pé por Galiza! Soberanía, democracia e dereitos” [+ info]

>> Podes descarregar noso cartaz en PDF

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario