O soberanismo galego debe apresentarse socialmente como a única alternativa política e social que ten propostas tácticas e estratéxicas substancialmente diferentes ao resto de forzas políticas garantes do actual réxime español.
Esta liña téorica e practica de longa tradición de loita polos nosos dereitos nacionais e sociais rexeita a fraudulenta reforma do réxime franquista que deu no actual Estado Español e a súa Constitución, as sucesivas medidas antipopulares que empurraron á precarización masiva e á emigración crónica, a destrución do territorio para o expolio dos nosos recursos ou a entrada na Unión Europea e outras estruturas imperialistas como a OTAN.
Cómpre ser firmes, mais tamén pedagóxicas. Pór na centralidade do discurso público a demanda da independencia como ferramenta para a construción dunha República Galega plenamente soberana é unha necesidade que apremia. É precisamente coa socialización co conxunto do pobo, combinando o concreto co xeral, o táctico co estratéxico, co que seremos quen de socializar e visualizar ese proxecto político unha Galiza dona de si e socialmente xusta.
Ese proxecto político que se materializa na República Galega, construída para as maiorías sociais, onde os recursos cos que contamos se poñan ao servizo dunha economía non dependente e autocentrada que mellore as condicións materiais de vida das clases populares.
Construamos unha Galiza ceibe entre todas!