17 de Maio: Vivir en galego, gañar o conflito

O conflito lingüístico existe, mais non é o “novo conflito” que nos queren facer ver . O único conflito que existe hoxe é aquel que sempre existiu: a substitución paulatina do idioma propio da Galiza polo español. Mais hoxe os actores mudaron. Para avanzar temos que enfrontarnos a dúas posturas que baixo distintos disfraces e tácticas de acción pretenden o mesmo (igual que o españolismo do PP e do PSOE visten diferente a mesma política: asimilación forzosa das distintas nacións do Estado fronte a asimilación liberal-democrática).

Onte o que procuraba o españolismo do PP no goberno galego era a morte doce do idioma, a eutanasia silenciosa, mais agora adoptan a técnica do ruído na rúa e a vitimización para seguir exterminando o galego. Durante anos a filosofía do “bilingüismo harmónico” servía para tapar a maior perda de falantes da historia do galego, mais hoxe as asociacións polo exterminio como “Galicia Bilingüe”, sustentando a mesma filosofía, adaptan outro contexto de acción.Hoxe aqueles no poder adoptan a mesma táctica que adoptou o PP: aquí non pasa nada, convivio sen conflitos, teórica igualdade legal das linguas, deixemos actuar ás persoas, laissez-faire e que mande o “mercado”. Baixo eses parámetros copiados do PP actúa agora o PSOE na Xunta, o que debe facernos pensar que é a sua posición na alternancia política a que decide a táctica a usar , e non as súas supostamente distintas posicións ideolóxicas. Esta filosofía pretende cualificar como dous extremos dos que eles se afastan tanto as posturas dos que queremos avanzar na normalización como as de aqueles que representan o “novo españolismo” do PP.

Temos que tirar a carauta dos exterminadores: igual que antes, os que defendemos a normalidade do galego temos que facelo en todos os espazos: no ensino, defendendo os avances tácticos como o novo decreto 124/2007; na rúa, evitando que o españolismo de dereitas ocupen un lugar sobredimensionado fomentado polos medios; no comercio e todo o ámbito laboral, denunciando as discriminacións, represalias e despedimentos por usar a nosa lingua…

Mesmo dentro da restrita legalidade da Constitución que somete o galego a unha posición subordinada, podemos implementar medidas que consigan avances reais para o noso idioma: primeiro, é fundamental por todos os recursos das Administracións públicas a traballar polo galego: acabar coas subvencións aos medios escritos en español e dedicalos tanto aos medios en galego (sen exclusión por razón de norma) ou a iniciativas normalizadoras; vincular toda sinatura de contratos, concesións e servizos en todos os ámbitos (de telefonía a obra pública, do comercio a compañías de limpeza, de concesións radiofónicas a obras de teatro…) ao uso do galego; criar un novo canal en galego na TV pública e presionar pola recepción das TV’s portuguesas… E se as Administracións xogan un papel fulcral, a sociedade galega que quer vivir no seu idioma ten que presionar para o cumprimento efectivo das medidas legais, ten que esixir ás empresas que respecten e usen o idioma, e por suposto, ser coherentes e constantes no uso da lingua en todos os ámbitos.

Desde Isca! sabemos que o monolingüismo social e a normalidade só estará asegurada nunha Galiza soberana, mais sabemos tamén que só chegaremos a ela se hoxe comezamos a acumular forzas con ese obxectivo: a Galiza independente e con monolingüismo social que procuramos comeza agora!

Podes consultar aquí o Rebater do 1º de Maio

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario