Día Internacional da Clase Traballadora – 1º maio 2022

Día da Clase Traballadora

Máis un ano chega unha das datas máis sinaladas do calendario, chega o Día Internacional da Clase Traballadora, chega o 1º de maio. Hai un ano alertabamos de que as medidas que se estaban tomando desde os gobernos da Xunta, do Estado Español e da Unión Europea para solucionar a crise pandémica ían frontalmente en contra dos intereses do pobo; co único obxectivo de minimizar as perdas da patronal.

Ao desemprego, alarmantemente elevado entre a poboación máis nova, súmase un premeditado e constante ataque aos nosos dereitos colectivos que precarizan as condicións laborais, limitan as axudas sociais e coartan calquera movemento popular. E cos novos modelos de contratación, as mozas só podemos aspirar a contratos híper precarios como bolseiras, en prácticas ou de traballo temporal.

A todo isto temos que sumar a dramática suba dos prezos que podemos observar en todos os sectores nos últimos meses, en especial nos produtos de primeira necesidade, mentres o capital bate récords de beneficios. Isto, nun panorama de crise global das nosas vidas, provoca o extremo empobrecemento da nosa clase.

Porén, somos nós as que creamos a riqueza e as que movemos o mundo coas nosas propias mans. Somos nós, a clase obreira, as expulsadas e as precarizadas. Ás que nos obrigan a pagar unha débeda ilexítima que nos afoga. As que vendemos a nosa forza de traballo por salarios e condicións laborais cada día máis miserábeis. As que carecemos de poder para xerirmos os nosos recursos e decidirmos o noso propio futuro.

Por isto, desde Isca! queremos chamar á participación do conxunto da sociedade nas mobilizacións da CIG, e en particular da mocidade galega, contra o roubo e o saqueo. Por un modelo social xusto e equitativo, pola organización dunha resposta contundente contra os abusos da patronal, polo mantemento dos postos de traballo e a mellora das condicións laborais, contra a precariedade laboral e sobre todo por un futuro digno e na terra para a mocidade galega. Un futuro que debe pasar pola independencia e a plena soberanía como vía para sermos nós, como clase e como pobo, quen arbitremos o noso destino e construamos un sistema alternativo ao servizo das clases populares: o socialismo.

1º de maio:

Se a clase obreira todo o produce, a ela todo pertence!

Como cada ano, animamos a participar á mocidade rebelde das mobilizacións da CIG. Organizadas somos máis fortes:

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario