Discurso de peche da V Asemblea Nacional de Isca!

pecheVanA seguir reproducimos o discurso pronunciado en nome da nosa organización no acto de clausura da nosa V Asemblea Nacional, que tivo lugar o pasado sábado 7 de febreiro en Compostela:

Amigas, amigos e camaradas.

Encerramos hoxe a nosa V Asemblea Nacional após meses de debate no que avaliamos o período que abranguiu os dous últimos anos e actualizamos as nosas análises políticas sobre a situación da mocidade. Como a ferramenta de transformación social que aspiramos ser, tamén analizamos o estado da nosa organización e as melloras necesarias para traballar na consolidación do espazo político que aspiramos a representar, o da mocidade rebelde galega, independentista, comunista e feminista.

Analizamos, pois, a acción depredadora do capitalismo e as consecuencias dun sistema cada vez máis cruel e corrupto cuxa crise, sistémica e estrutural, leva os seus danos a todos os espazos que nos rodean. Consecuencias que sufrimos especialmente as máis novas.

Fai uns meses, en conmemoración do 25 de abril, desde a nosa organización divulgamos varios materiais sobre a revolución do noso país veciño. Entre eles, unhas significativas palabras que Zeca Afonso deixou nunha entrevista para a RTP. Nela dicia:

Os jovens, estão um pouco à mercê de um sistema que não conta com eles – que hipocritamente fala deles. O 25 de Abril não foi feito para esta sociedade, para aquilo que agora estamos agora a viver. Aqueles que ajudaram a fazer o 25 de Abril, não só aqueles que o fizeram, imaginaram uma sociedade muito diferente da atual, que está a ser oferecida aos jovens. Os jovens deparam-se problemas tão graves, ou talvez mais graves do que aqueles que nós tivemos que enfrentar, o desemprego, por exemplo,(…) o sistema ultrapassa-os, o sistema oprime-os, criando-lhes uma aparência de liberdade (…) eu creio que a única atitude é a que nós tivemos, de recusa frontal, de insubordinação, de subversão ao modelo de sociedade que está a ser oferecido, com belos discursos, teleguiado de longe por qualquer FMI, por qualquer deus banqueiro (…) tal como nós, eles têm que combater, têm que destruir, têm que enfrentar com todas as suas forças, organizar-se para criarem a sociedade que têm em mente (…)

Estas palabras datan de 1984, ningunha das militantes organizadas en Isca tiñamos aínda nacido. Porén, a súa vixencia é absoluta, identificámonos con cada unha das súas palabras.

É sobre nós, sobre a mocidade, sobre quen máis duramente recaen as consecuencias máis graves dunha serie de opresións que gañan terreo no noso mundo. Por iso, correspóndenos a nós ser os axentes da máis radical rebelión contra elas, ser o motor de cambio. Correspóndenos esixir, sen tregua nin concesións, un futuro digno, reapropiarnos do dereito a escribir a nosa historia. Para isto, apostamos sen dúbida pola independencia e o socialismo como vías de construción dun futuro ante unha realidade esgotada. Ante a deslexitimación dun réxime en crise, apostamos pola ruptura democrática e un proceso constituinte netamente galego, por rachar co presente e transformar a realidade desde a base, recuperando a soberanía nacional e popular. Recuperar a soberanía tamén fronte as estruturas do capital, fronte a Unión Europea e traballando por un mundo no que caiban moitos mundos, onde todos os pobos que hoxe loitan pola soberanía e a xustiza social sexan recoñecidos.

As forzas transformadoras da Galiza defendimos sempre, fronte a modelos esóxenos, que a loita social e a nacional son indisociábeis. Aliás, as mozas máis novas temos a obriga de situar, ao carón destas, no primeiro plano, a loita feminista, de darlle o carácter protagónico que merece. Máis aínda, temos a obriga de estender o feminismo á forma de xerir as nosas vidas e os nosos espazos de participación, non abonda con situar a nosa loita no centro da acción política, a acción política debe artellarse como o feminismo nos ensina, transformando a forma de facer as cousas e de relacionarnos, porque o persoal tamén é político.

Entendemos que o combate do patriarcado, nas súas múltiples e diferentes formas, é necesariamente un dos elementos básicos da transformación social, sen o que non sería posíbel transformar o mundo para convertelo nun lugar máis xusto non que non exista ningunha forma de opresión por razón de xénero.

A mocidade galega decide: independencia, socialismo e feminismo, e non imos pasar por menos. Os nosos obxectivos son ambiciosos, sen dúbida. Mais tamén necesarios, como necesaria é a autoorganización para conseguilos. O individualismo é unha das estratexias dun sistema que nos quere domesticar e que aplica transversalmente a estratexia de divide e vencerás. Correspóndenos, diante disto, traballar pola autoorganización da mocidade para ter un espazo no que desenvolver plenamente o noso proxecto político, formarnos e traballar na construción da Galiza do futuro.

Desde Isca! organizámonos e formámonos para isto, mais non facemos o camiño sós, loitamos a pé de rúa, con vós, tecendo aliados no movemento estudantil, no sindicalismo de clase, no feminismo, na defensa da lingua e nos movementos en defensa da terra, na defensa antirrepresiva e no asociacionismo de base de todo tipo.

Tecemos alianzas alá onde podemos, pois o afortalamento da nosa organización e do noso espazo político non é incompatíbel, senón necesariamente complementario con apostas unitarias en todos os ámbitos con quen comparta as coordenadas do anticapitalismo, o soberanismo e o feminismo.

Dous anos atrás, analizabamos nesta mesma clausura como a acumulación de forzas é fundamental para facer avanzar un proceso transformador, e non poucos foron os cambios políticos que operaron no noso país desde entón. Así, a mocidade galega podemos enorgullecernos por ser exemplo de loita unitaria. Podemos afirmar sen medo a equivocarnos que fomos protagonistas dun acontecemento histórico, da primeira manifestación xuvenil unitaria polo día da patria, cun discurso abertamente soberanista, sen complexos. Un exemplo colectivo de que desde a lealdade e o respecto mutuo é posíbel dar pasos de xigante contra os inimigos comúns.

Porque para alén de todas as eivas das que esta aposta pode padecer, é innegábel a contribución deste proceso para a normalizar a independencia como horizonte estratéxico lóxico e coherente da mocidade soberanista, pois é evidente que hoxe o independentismo explícito está máis asumido que antes entre a mocidade organizada.

Cómpre avanzar nesta estratexia colectiva de situar a reivindicación independentista no primeiro plano. A necesidade de conseguir mudanzas estruturais é unha urxencia para o noso pobo e a nosa clase, e imos comezar a construilas desde xa, polo que cómpre pisar o acelerador e que as organizacións xuvenís exploremos todas as estratexias posíbeis para avanzar na unidade de acción para alén de convocatorias puntuais. Reiteramos a nosa aposta politica porque isto sexa posíbel, comprometéndonos a traballar nesta vía.

Reiteramos tamén, a nosa aposta política pola que continua a ser para Isca! a mellor opción como espazo unitario de confluencia do soberanismo e do independentismo que aspira á transformación social: o Bloque Nacionalista Galego. Saudamos pois, os avances que desde a fronte se teñen feito neste sentido, dos que nos sentimos coparticipes e dos que estamos certos de que non teñen cabida pasos atrás. Nacimos para que así fose posíbel e para favorecer a recuperación dos sinais históricos do nacionalismo popular e niso seguiremos traballando, canda o partido do que xa somos organización xuvenil, o Movemento Galego ao Socialismo, para converter o BNG na referencia para as soberanistas deste país.

Algunhas das que estamos hoxe aquí, estabamolo fai case 9 anos, no verán de 2006, cando nacemos como organización. Daquela, foron moitas e moi importantes as escollas que fixemos: análise política, modelo organizativo, vindeiros pasos, prioridades… escollas que fomos madurecendo e evoluindo. Daquela escollimos tamén o noso nome, un nome do que non faciamos nin facemos un totem irrenunciable, cao firme convicción de que o verdadeiramente inmutábel é o seu significado literal, ao que aspiramos día a día, a sermos unha materia combustible que se inflama facilmente. A sermos o lume que prende para rachar co presente e construír o futuro.

Viva Galiza Ceibe, socialista e feminista!

.

>> Crónica da V Asemblea Nacional, video e imaxes.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario