O pin parental e o bilingüismo harmónico, disfrazar de liberdade o adoutrinamento

Estes últimos días vénse mantendo un debate na palestra pública sobre a decisión do goberno murciano de implementar un pin parental nas escolas públicas, de xeito que os rapaces non reciban determinados contidos, nomeadamente os relacionados coa educación sexual e a visión do xénero. Os argumentos empregados neste debate pola dereita e a ultradereita, institucional e mediática, sonnos ben coñecidas as galegas, xa que os escoitamos até a saciedade polos voceiros do chamado bilingüismo harmónico: liberdade dos pais para escoller o que estudan os fillos, resistencia fronte ao “adoutrinamento” do Estado, ou, como aconteceu no caso galego -mais tamén valenciano e mallorquino no seu momento- liberdade dos nenos para aprenderen nunha ou outra lingua. Todas estas premisas, malia que poidan adoptar varias formas, pódense resumir no que Pablo Casado, seguramente sen o seu equipo de asesoramento -ou cun asesoramento nefasto- chiou en Twitter hai uns días: os nenos pertencen os pais, non ó Estado.

Pois ben, este tipo de aseveracións mostran non só o completo descoñecemento -voluntario ou non- do dirixente ultra dos conceptos de patria potestade e pertenza -dereito de propiedade, expresado en termos xurídicos-. E é que a patria potestade confire as proxenitoras precisamente iso, a potestade para tomar no nome das súas crianzas determinadas decisións, mais non como se estas pertencesen as nais, senón simplemente polo seu interese mentres estas non poidan decidir por si propias. Deste xeito, vemos como o tan cacarexado dereito das familias a escoller a educación das cativas non se sostén xuridicamente: nais e pais non teñen poder de disposición absoluta sobre as súas fillas, como se dunha propiedade se tratase, senón que teñen que velar polo seu mellor interese.

Mais o conto é que tampouco se aguanta politicamente. A outra cara do argumento que empregan reaccionarios ou neoliberais de turno é a necesidade de amparo contra o adoutrinamento do Estado. Teñen que poder protexer as súas crianzas do adoutrinamento da educación pública, xa sexa la imposición del gallego y las Galescolas ou la dictadura de la ideología de género. A cuestión é que este tipo de argumentario é moitas veces partillado por certos sectores da esquerda (ó fin e ó cabo, non dixera xa Althusser que as escolas eran aparellos ideolóxicos do Estado, ó servizo da reprodución do capital?), e resulta tremendamente perigoso nun momento de contraofensiva neoliberal contra todos os avances que a clase traballadora conquistou ó longo do século XX con sangre, suor e bágoas.

Visto o visto, non nos queda máis remedio que negar a maior: non, os pais e nais non teñen dereito a decidir a educación das súas fillas, principalmente porque os suxeitos do dereito á educación son as crianzas, non as familias. A consecuencia fundamental derivada do anterior é bastante lóxica, a saber, os pais non poden, escudándose nun suposto dereito a escoller a educación das fillas, impórlles un adoutrinamento forzoso. Isto non pode considerarse en ningún caso educación, por aquilo que antes se comentou: as fillas non pertencen as súas nais e pais, porque ningún ser humano pertence a outro; o que acontece é que as proxenitoras teñen unha potestade, e consecuentemente unha obriga, para coas súas fillas, e dentro desta en ningún caso se atopa a de decidir que ou como deben pensar.

As que si que son suxeitos do dereito á educación son as crianzas. E ese dereito á educación non pode ser modulado por cada familia como esta pretenda, á imaxe e semellanza da súa ideoloxía particular. O dereito á educación debe formularse como un dereito a unha educación plural, científica, laica e crítica. Isto é o que se consegue cunha educación pública e de calidade. E os valores que se impartan nesa educación -xa sexan unha máis que necesaria visión de xénero nunha sociedade patriarcal ou unha inmersión lingüística plena nun país cunha lingua flaxelada pola diglosia- deben ser decididos en común pola sociedade, mediante o emprego de vías democráticas, isto é, a súa deliberación e debate parlamentario e a súa transformación en Lei. Isto debe ir, amais, sempre combinado coa figura da profesora como funcionaria, de xeito que a súa independencia e profesionalidade se vexan protexidas tanto dos avatares do mercado de traballo como das presións gubernamentais de cada momento político. Iso é o que recoñece o dereito á educación nun Estado de Dereito, democrático e social. E isto é, por certo, o que precisamente recoñece o artigo 27 da súa benquerida Constitución española.

Gostaría de pensar que é un curioso paradoxo que aqueles que se fan chamar constitucionalistas son precisamente os que máis atacan e vulneran os dereitos fundamentais da Constitución española, o de educación neste caso. Mais o paradoxo non é tal se vemos que as forzas reaccionarias e centralistas do Estado precisamente empregan a Constitución como -seguramente para o que foi deseñada- unha espada que manexan á súa vontade: o gume afiado para encarcerar a vontade de soberanía dos pobos e asegurar os rendementos das clases dominantes e o mercado capitalista; e o gume romo para protexer os dereitos que a clase traballadora tanto loitou por conseguir.

Non cabe esquecer outro asunto clave no debate, o feito de que nin as clases representadas por estes partidos políticos (Vox e PP) nin os seus dirixentes mandan as súas crianzas ás escolas públicas. Todas elas están convenientemente apartadas das mediocres nos seus elitistas colexios privados, nos que o ensino é ideoloxicamente moito máis nesgado e próximo ó pensamento dominante. O que verdadeiramente lles molesta é que a clase traballadora poida realmente desenvolver un espírito crítico que escape dos seus medios de comunicación e do seu influxo hexemónico; amólalles que calquera de nós, sexa cal sexa a ideoloxía da nosa familia, poida entender a necesidade da visión de xénero para mudarmos a sociedade ou do uso diario do galego para preservarmos a nosa lingua. E por iso buscan por todos os medios garantir unha falsa liberdade que eles realmente non precisan: nos seus colexios segregados de 2000 euros ao mes por estudante, nin ensinan en galego, nin en visión de xénero.

O fondo do debate actualmente é realmente bastante máis amplo do que aparenta. O que está en xogo é un modelo de educación que protexa as poucas posibilidades de formación crítica que teñen as clases traballadoras á súa dispoñibilidade. O que se discute, no fondo, é o modelo de escola que queremos para a sociedade. Por un lado, a pública -a cal tamén pode recibir críticas, e moi fundamentadas, mais non pola vía da liberdade de elección– na que todas poidan aprender e discutir diversos puntos de vista dende unha perspectiva científica e crítica. Por outra banda, o modelo estadounidense, no cal cada familia pode adoutrinar -non nos enganemos, non se pode considerar iso educación, nin a esa opción dereito– á súa vontade as máis pequenas da casa. Para as que defendemos un cambio necesariamente radical da sociedade, que a educación se decida democraticamente é unha esixencia fundamental. Non nos enganemos, o que se xoga neste debate, que por certo pode darse en poucos meses no noso país se hai un cambio na maioría parlamentaria que desafiuce ao PP do Goberno galego, é moito máis que un pin parental. A educación pública -con todos as súas eivas- é un dos últimos vestixios daquilo que conseguiron as nosas nais e avoas con anos de loita, represión e sacrificios.

Xan Fernando Boullón é graduado en Ciencias Políticas e estudante de Dereito na Universidade Pompeu Fabra. Militante de Isca! e colaborador no BNG Catalunya.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario