[Opinión] É posíbel reformar España? Razóns para traballar por un Estado galego independente

 O debate sobre o independentismo (ou arredismo), sobre a pertinencia ou non de defender como obxectivo estratéxico do nacionalismo galego a constitución dun Estado propio, estivo sempre presente no noso movemento, con mais ou menos relevancia segundo o momento histórico e a correlación de forzas interna. Moitas veces usado como tótem e moitas outras tratado como tabú, a palabra de orde “independencia” foi censurada e mesmo perseguida por parte da dirixencia nacionalista, que se esforza en desmarcarse publicamente día si e día tamén dunha alternativa lexítima que eles contribuen a criminalizar.
A dirección do BNG, que até hai poucos anos falaba sen complexos da necesidade dun Estado propio (se ben non lle concedía necesariamente o contido de independencia formal), xogou ás veces con certa ambigüidade sobre o sentido en que concretar o direito de autodeterminación. Hoxe, esa postura está moito mais clara. O obxectivo é avanzar nun suposto proceso de “reforma de España” que nos conduza a que esta nos recoñeza algún día como nación e por tanto os dereitos que nos corresponden, sempre dentro do seu Estado.

O que no seu momento foi exposto como un paso intermedio, hoxe preséntase directamente como o obxectivo final. Así o declarou a pasada Asemblea Nacional do BNG, que marcou como meta final a consecución dun “Estado plurinacional” ao tempo que fixaba como unha das prioridades da organización a defensa de “outra concepción da unidade de España”. Esta última aberración é inédita na historia do nacionalismo e ben ilustrativa de cara a onde avanzan as cousas.

Pois ben, a nosa aposta non é á de construir unha España diferente, nin reformala, nin “dignificar” lixeiramente o dominio que exerce sobre nacións como a nosa. A nosa alternativa é, sinxelamente, romper España.

Para nós, ter como aspiración federarse ou confederarse con quen leva 500 anos a destruirnos como pobo só é comprensíbel desde mentalidades suicidas. Non vemos necesidade algunha, nin vemos as virtudes pasadas, presentes ou futuras de nos unir dalgún xeito a unha España que significou sistematicamente a nosa decapitación política, a nosa dependencia económica e  a substitución da nosa cultura e lingua polas alleas.

Para quen nos acusa de “falta de realismo” aos independentistas, dirémoslle que achamos moito máis realista a posibilidade de desenvolvernos como Estado libre que agardar a que España se “auto-reforme” para permitir ampliar competencias autonómicas e chegar gradualmente a recoñecer os nosos dereitos políticos como nación. Se o ritmo de “cesión de soberanía” (realmente só de competencias) é o actual, tardaríamos miles de anos en ser plenamente soberanos. Por iso, unha vez España demostrou (co Estatut “cepillado” ou co Plan Ibarretxe versión 1 e 2) que mesmo as iniciativas mais tímidas de aumento competencial non collen no corsé da lexislación estatal, quizá é xa tempo de probar outros camiños.

Mesmo calquera alternativa de carácter confederal que sexa minimamente coherente, debería esixir primeiro, e previamente, o recoñecemento do noso dereito de autodeterminación, pois para ceder soberanía, é preciso tela antes.

Porque a autodeterminación, ademais de entendela como un proceso hai que entendela como un dereito. Dereito ao que non se lle poden poñer límites, e cuxa concrección para nós debería ser a proclamación dunha República Galega, posibilidade hoxe legalmente vetada pola Constitución Española e os seus derivados Estatutos, aos que o BNG antes se opuña.

O principal argumento usado unha e mil veces por certos dirixentes nacionalistas (particularmente determinados líderes da UPG, para quen o combate a esta alternativa foi sempre unha prioridade) para negar a lexitimidade do independentismo é que esta alternativa non garante a soberanía real dos pobos pois a independencia formal pode encubrir formas de neocolonialismo (sobran exemplos de estados formalmente independentes que na práctica non dispoñen dos seus recursos nin teñen capacidade de decisión real). Isto é loxicamente certo, mais non o é menos que un Estado propio é unha condición indispensábel para exercer a propia soberanía. Todos os pobos que culminaron con éxito procesos de liberación nacional fixérono coa ferramenta imprescindíbel da plena independencia nacional, e non coñecemos un só exemplo do contrario.

De facto, o independentismo que nos defendemos non se limita ao campo formal, senón que expresa a vontade de nos autogobernar plenamente a todos os niveis.

Ás veces emprégase tamén o argumento dun suposto “rexeitamento social” ou mesmo “medo” ao independentismo, que impediría por tanto defender tal proxecto. Isto podería levarnos a renunciar a modificar a ideoloxía dominante na sociedade, mesmo podería facernos renunciar ao nacionalismo, que por si mesmo xa crea tamén moitas desconfianzas. Porén, o argumento tampouco é válido. Basta ver enquisas de opinión para ver que a (pequena) porcentaxe de galegos que apoiamos a independencia é moi similar á que apoia o exercicio do dereito de autodeterminación (que a dirección do BNG formalmente si defende), conceito que popularmente se asocia directamente a separatismo.
Estes e outros argumentos lévannos a recuperar a memoria dunha figura tan interesante para un movemento como o noso como é a do arredista e socialista Xohán Xesús González, que dicía: “Nada nin ninguén pode obrigarnos a ficar unidos a un Estado que representa unha ruina inminente e un perigo constante”.

Trátase pois, simplesmente de que moitos galegos e galegas non nos sentimos españois e non queremos selo de nengunha maneira. A artificial identidade española no noso país sempre se construiu en oposición á nosa propia, negándoa e aniquilándoa. O noso proceso debe ser a partir de agora xusto o contrario, reconstuirnos como pobo libre en oposición a quen nos nega, que non é outro que o Estado Español.

Como todos os pobos libres da historia, traballaremos pola nosa plena soberanía, pola independencia nacional.

Artigo orixinal publicado na web do mpb

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario