[Eleccions 26-M] A barreira contra o réxime capitalista, un paso para a República Galega.

O vindeiro 26 de maio teñen lugar as eleccións municipais.

Ante esta circunstancia, unha serie de mozas e mozos de Isca! que participamos de candidaturas do BNG en diferentes concellos do país queremos trasladar unha serie de consideracións sobre a importancia desta data e do mandato de catro anos que comeza:

Debemos comezar chamando a atención sobre que as eleccións municipais non son cuestión menor. Sabémolo ben nós e sábeno ben os inimigos dos intereses populares. Por iso é de vital importancia a participación e o voto masivo ás candidaturas que mellor representan os intereses populares, é dicir; as do BNG.

Nestas institucións recaen, de xeito parcial ou total (dependendo do concello), unha gran parte dos servizos básicos dos que somos usuarias: auga, lixo, guindastre, servizos de autocarros, axuda a domicilio, vías e obras, plans de conciliación familiar… E tamén aquelas actuacións inmateriais ou simbólicas (festas e eventos de socialización popular, recuperación e divulgación de feitos e figuras históricas, posta en valor do patrimonio…) ou unha parte de expresións culturais e iniciativas a prol da lingua e cultura galega.

Os concellos, institucións opostas á lóxica neoliberal

Por unha banda, o ámbito municipal non está exento do patrón neoliberal que caracteriza ao capitalismo das últimas décadas. É así como se explican a gran cantidade de procesos de privatización dos servizos dos que os concellos son titulares. Trátase dun particular modelo privatizador. Non foron entregados por completo ao capital, mais si se impuxeron métodos concesionarios, que aumentan o beneficio das empresas a costa dun descenso xeral dos costes do servizo (mediante baixada de salarios ou despedimentos, empeoramento das prestacións e do servizo, inestabilidade cíclica, etc.)

Todo isto baixo a falacia que teiman en repetir, un relato ideolóxico neoliberal que cacarexan os medios de comunicación do capital, as organizacións patronais e políticos de toda a gama de cores desde; a máis servil socialdemocracia até a máis rancia dereita, de que o privado é máis eficiente e xestiona mellor que a  “ineficaz” administración pública.

Este relato, non só é completamente falso, como demostran datos estatísticos que se poden obter de diferentes informes oficiais, onde a xestión directa polos Concellos é máis rendíbel que as concesións; senón que supón un ataque a calquera consideración dunha mínima xustiza social.

Non se poden medir os servizos públicos desde un punto de vista da rendabilidade empresarial, acadándose esta sempre contra os intereses obxectivos das traballadoras (a maior explotación do traballo, maior beneficio para o capital) e contra a poboación receptora deses servizos, as cales vén minguadas as prestacións e servizos, porque as empresas privadas non garanten as necesidades das usuarias, se non a súa capacidade de xerar beneficios.

Para nós é prioridade defender con vehemencia estes principios, rexeitando así tanto a lóxica neoliberal como as voces que alegan que é imposíbel levar adiante políticas que defendan o público. Os procesos de remunicipalización, onde os Concellos asuman de novo a xestión directa, son actualmente escasos e están dificultados base a unha lexislación vixente, favorecedora das prórrogas e portas xiratorias. Con todo, hai exemplos exitosos nos últimos anos, contrastando con políticas continuadora como concesións caducadas que foron novamente entregadas á iniciativa privada.

Porén, somos conscientes que esta situación non ten solución definitiva dentro do marco do capitalismo, e que todo avance estará máis ou menos ameazado dependendo da correlación de forzas do momento histórico, pero é innegábel a necesidade de contemplar avances mesmo dentro do propio marco, acadando metas tácticas, fomentando a participación, o debate sobre as limitacións do actual sistema, a lexislación imposta desde os aparellos de poder do réxime e a auto-organización popular.

Os concellos no avance do proceso de liberación nacional

Pola outra banda, e volvendo aos puntos comentados ao comezo no que respecta á importancia das políticas municipais, os concellos deben ser un auténtico garante de políticas que impulsen a construción nacional e avancen cara aos nosos obxectivos estratéxicos.

Isto é; políticas aplicadas desde o local destinadas a afirmar a nosa identidade, reverter o proceso de asimilación forzosa, enfrontar as políticas recentralizadoras do actual momento histórico, favorecer a autoorganización do pobo e xerar o debate social necesario de cara a elevar a conciencia nacional.

Cómpre vontade e firmeza política en torno á defensa da Galiza como a nosa comunidade nacional, rexeitando toda posíbel inclusión dela nunha nación española. Para isto débese facer explícita defensa do dereito de autodeterminación, socializando e popularizando esa demanda desde o ámbito municipal, retirando toda a simboloxía que reafirme a nosa pertenza a España (bandeiras, escudos, retratos, etc) e denunciando as consecuencias das relacións de dependencia colonial entre Galiza e o Estado Español.

Outro punto a salientar son as festas que impulsan ou financian os concellos. Ademais de favorecer a participación popular nos mesmos, débense impulsar alternativas culturais e de lecer, sen carácter limitante mais evitando reproducir tendencias hexemónicas.

En relación á socialización popular, pular pola recuperación da lingua galega e da historia, non aceptando interpretacións historiográficas que eliminen a historia da nosa nación e o noso pobo. Así como a popularización de acontecementos e figuras históricas, literarias e políticas.

Debemos facer fincapé na taxativa negativa a participar en calqueira tipo de actuación militar ou policial española, tanto de xeito activo (acudindo) como pasivo (permitindo cando se teña a competencia), así como velar polo cumprimento da Lei de Memoria Histórica desde as institucións.

E, desde logo, todo isto incardinado nun pulo á autoorganización popular. Á creación de tecido social, de participación na vida pública e de toma de decisión por parte da veciñanza.

Desenmascarar a Unión Europea, ferramenta do capital

Por último, e antes de rematar, cabe tamén recordar que o vindeiro 26 celébranse tamén eleccións ao Parlamento Europeo.

A Unión Europea, lonxe do pensamento único imposto, lonxe do consenso da paz e da prosperidade, do progreso e do benestar social, do acriticismo do réxime coas súas políticas, a realidade imponse mostrando unha historia ben distinta desde os seus inicios.

É un proxecto ao servizo do grande capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, reducir o sector público á súa mínima expresión, convertendo as necesidades da sociedade en nichos de gaño do capital, e centralizar as tomas de decisións alonxándoas dos pobos cunha estrutura nitidamente antidemocrática por definición, desde todo punto de vista irreformábel.

Non existe un “défice democrático” porque simplemente non existe nin ápice de democracia. Ningún dos debates relevantes sobre o proceso de integración foi debatido entre os pobos e as decisións de importancia tómanse en órganos alleos á vontade popular. A Comisión Europea ou o Banco Central Europeo actúan ao ditado directo do capital impoñendo unha folla de ruta neoliberal que nos leva incontestabelmente á pobreza e á miseria como podemos observar nos demais países do sur da Unión na última década.

Só o nacionalismo galego mantivo unha liña de oposición coherente á Unión Europea.

En 1986 o BNG opúxose á entrada na Comunidade Económica Europea advertindo das consecuencias que tería esta nomeadamente para o agro. En 1992 opúxose con contundencia ao tratado de Maastrich que representaba a servidume ao grande capital trasnacional e no 2004 facendo campaña polo NON ao frustrado tratado de Constitución Europea. Unha actuación case en solitario contra o consenso mediático, contra a dereita, a socialdemocracia e o reformismo español que aceptaban o discurso dominante. O tempo, por desgraza, demostrou que as análises feitas nalquela altura eran as correctas.

Por todo isto pensamos que é preciso mostrar tamén a nosa oposición á UE por medio do voto, contribuindo da man de outros pobos a sumar esforzos en prol da liberdade das nacións e dos intereses das clases populares. Hoxe máis que nunca é preciso crear fendas no sistema, fortalecendo as alternativas que realmente cuestionan a raíz do réxime español e do modelo de construción capitalista europea.

Por iso mostramos o noso apoio á coalición Agora Repúblicas, protagonizada no noso país polo soberanismo de esquerdas que representa o BNG e que é a mellor alternativa para a superación do marco actual desde unha óptica nitidamente galega, que reivindique o noso sen ataduras, que defenda os intereses do pobo, dos movementos sociais, dos sectores produtivos e das clases populares agredidas.

Agustín Gallego “Tinso”, candidato do BNG en Bueu.
Anxo Sánchez, candidato do BNG pola Coruña.
Diego Quintela, candidato do BNG por Melide.
Elia Lago, candidata do BNG polo Porriño.
Iria Aldomar, candidata do BNG en Ourense.
Pablo Durán, candidato do BNG en Gondomar.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario