En defensa do naval, por un futuro digno na terra

O sector naval vigués, con tantas décadas de historia no noso país, xerou até hai dous anos máis de 10.000 postos de traballo e podería seguir a ser plenamente competitivo, porén, está nunha situación agónica e ao borde da desaparición. Nunha situación coma esta de progresiva devastación social, a morte do naval suporía un golpe definitivo para unha comarca que está a sofrer especialmente as desastrosas políticas dos gobernos ao servizo do capital.

A responsabilidade directa recae nas políticas da UE, o papel que lle teñen asinado a Galiza no capitalismo europeo e mundial e os intereses das empresas do sector que operan noutros países, que presionan para un novo agravio comparativo no que os nosos sectores produtivos volven ser moeda de cambio na UE.

Mais a urxencia dunha resposta unitaria non debe facernos ocultar responsabilidades que non son menores. Agora, que todo o mundo parece ser consciente dunha realidade que o sindicalismo nacionalista leva denunciando por medio da mobilización desde hai bastante tempo, cómpre sinalar a responsabilidade e complicidade de PP e PSOE, cuxos sucesivos gobernos deron tamén lugar a esta situación e que colaboraron en primeiro crear e logo ocultar o problema.

Xunto á pasividade, indigna tambén que pretendan facernos ver que pouco ou nada se podería facer contra unha resolución negativa da UE. Os mesmos que rescatan bancos con cartos públicos a cambio de recortes sociais, negan calquer medida política que sirva para dinamizar a economía produtiva como as que se teñen aplicado noutros países, por non falar xa de posibilidades como a da nacionalización para reflotar um sector perfectamente viábel.

Por iso chamamos a continuar e aumentar a mobilización en defensa do naval, particularmente na mobilización que sairá o 11 de xullo ás 20:00h desde a Praza dos Cabalos en Vigo. A loita obreira e popular é o único que pode evitar que se consume o o asalto definitivo contra un sector fundamental na comarca de Vigo. E ao igual que en Ferrol, a folga xeral na comarca debe ser tambén máis un paso nesta loita polo futuro digno que demandamos e que este sistema pretende negarnos.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario