[Encontro formativo] Micromachismos: identificalos, combatelos, eliminalos!

Desde Isca! acreditamos na (auto)formación como unha das ferramentas precisas para loitarmos contra o sistema de vida e de relacións que nos impón o capitalismo e o patriarcado, mellorando a nosa capacidade de acción política e militante para así transformar a realidade que nos tocou vivir. Pensamos que aprender sempre é a mellor maneira de avanzarmos en construír alternativas aos poderes que nos queren ignorantes e submisas.

Dentro das múltiples batallas que temos abertas como mozas revolucionarias e feministas está a de reivindicar que a violencia contra as mulleres non é só física e que precisamente o patriarcado estruturou socialmente a violencia contra as mozas mediante un proceso de invisibilización das súas agresións, facendo que se naturalizasen até o punto de que o día a día no que vivimos, traballamos, estudamos, nos relacionamos e combatemos non convida a cuestionalas, facéndoas aínda máis perigosas ao non ser identificadas e, moito menos, cuestionadas para ser mudadas.

O feminismo ensínanos permanentemente a necesidade de aprender unhas das outras, de escoitar para analizar, cuestionar e transformar aquilo que nos somete. Por iso, desde Isca! convocamos este encontro formativo* coa pretensión de, entre todas, mellorar o noso coñecemento sobre a violencia simbólica e aquilo que Luis Bonino denominou micromachismos. Cremos que as mozas, lonxe dos aparentes avances nas xeracións máis novas, sufrimos constantemente este tipo de agresións no noso cotián e é preciso sermos conscientes de que as padecemos para identificalas e así combatelas e traballar para eliminalas, desde o individual e o colectivo, sumando esforzos na batalla de erradicar progresivamente todas as manifestacións da violencia de xénero e do sistema patriarcal.

*Este encontro celebrarase o vindeiro 17 de maio a partir das 16:30h no local nacional do MGS [Avenida de Castelao, 30, baixo] e está aberto e a quen quixer participar, mais por cuestións organizativas, se queres asistir precisamos que nolo comuniques no correo info@iscagz.org

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario