Publicada no nº 7 da revista Arredista!, editada polo MGS
Durante a folga do 29 de marzo de 2012 foi detido e agredido por catro policías mentres gravaba a actividade dun piquete informativo no Alcampo de Coia, en Vigo. Na actualidade, os catro policías están procesados por un presunto delito de detención ilegal, danos e lesións. Conversamos sobre este episodio e sobre a súa experiencia no activismo social.
Na denuncia acúsante de desobediencia e resistencia á autoridade por te negares a identificarte. Como foi realmente?
A denuncia realizada pola policía española é pouco menos do que ciencia ficción, cando o que sucedeu na realidade foi unha agresión policial en toda regra e unha detención completamente ilegal, co obxectivo de impedir o meu traballo como xornalista audiovisual no seguemento especial da folga do 29-M. A agresión prodúcese no contorno do Alcampo, onde un piquete moi reducido e pacífico se atopaba cercado por unha dotación de antidisturbios. A actitude dos policías estaba a ser bastante groseira e deplorábel cos membros do piquete, chegando ao insulto, identificando aleatoriamente, intimidando e trasladando pola forza a un lugar pouco visíbel a varias pesoas para lles esixiren o borrado de imaxes que estaban a captar cos seus telefones, suceso que gravei coa miña video-cámara.
Cres que a gravación destes sucesos puido motivar a detención?
Todo aponta a que si. Minutos despois, e cando abandonabamos o lugar, abórdanme tres policías solicitándome o carné de prensa, mais nen sequera mo deixaron coller da carteira. Teño que dicer que o meu equipo profesional é aparatoso, co cal, tan pronto me colleron polos brazos e me empurraron cara as grilleiras perdín a estabilidade. Naquel momento, temín pola integridade do meu equipo e incluso polo seu posíbel secuestro, tendo en conta o que eses mesmos policías estaban a facer cos membros do piquete. Practicar unha detención “á americana”, retorcéndome os brazos para me esposar por tras, con suma violencia.
E na comisaría continúa todo?
Nos calabozos da comisaría de Vigo paso varias horas durante as que o trato foi pésimo, negándome inicialmente o acceso á axenda do meu móbil para consultar o telefone do avogado. E outro suceso aínda pior: cando esixo ser visto por un médico trasládanme a un centro de saúde onde os axentes entran na consulta, a pesar da miña queixa á doutora que me atendeu, que mesmo me fixo espir diante deles, entregándolles só aos policiais o parte médico e minusvalorando as miñas lesións. O parte realizado noutro centro médico tan pronto saín en liberdade con cargos dá idea da violencia que empregaron na detención, deixándome unha escordadura de ombro e de pulso que me obrigaron a permanecer de baixa laboral durante 3 semanas.
E todo para que non se vexa o que está a acontecer?
Con efeito. A cámara resultou seriamente danada, ademais de mantela retida até o requerimento xudicial. A tarxeta de memoria está en mans da xuíza, aportada voluntariamente por min para que se evidencien os sucesos que estaban a acontecer no marco da detención. Obviamente, a súa denuncia foi respostada con outra pola miña parte.
A respeito diso, en que grao pode influír o aumento dos dispositivos de video e foto entre as persoas que protestan sobre esa tendencia a ocultalo todo?
O capitalismo produce toda unha serie de contradiccións que nos levan a tratar a cuestión da neutralidade da tecnoloxía. En tanto os movementos e organizacións populares se apropiaren de determinados medios e técnicas para cuestionar o sistema, crebando a lóxica imposta, a aparente democracia esváese, e calquera iniciativa de comunicación popular cun posicionamento de clase en prol dos traballadores/as será atacada con firmeza, mesmo transgredindo o tan cacarexado “estado de dereito”. Xusto na mesma medida en que as Constitucións do parlamentarismo burgués son permanentemente conculcadas cando xa non lles interesan.
Nesas constitucións está a teórica liberdade de expresión. Entón que ocorre?
Lenine dicia hai 93 anos que a liberdade de prensa será un engano mentres as mellores imprentas e grandísimas reservas de papel estean en mans dos capitalistas. Isto continúa a ser fundamentalmente así: os monopolios da información conforman a ideoloxía dominante e calquera tentativa de transgredir este modelo choca frontalmente contra os intereses das clases dominantes. Mentres isto sexa así, as respostas en forma de censura e coaccións serán maiores, e se non son quen de derrubar os medios alternativos ou contra-informativos pola vía económica ou mediante a intimidación, van directamente polos seus informadores.
Por outra banda, producindo e consumindo imaxes á velocidade que o facemos, pode ser que a propia imaxe perda forza á hora de concienciar e mobilizar?
Sen dúbida a información penetra cada vez máis na dimensión do consumo, e a multiplicación de mensaxes e de impactos contribue a relativizar as tentativas de información alternativa. Cada vez, a información consómese máis como parte da sociedade-espectáculo e do simulacro no que se pretende que vivamos. Existe umha ficcionalización da realidade, aplicando técnicas de guión cinematográfico e lugares comuns da sabedoria popular para alterar a esencia do real. A clase traballadora é bombardeada a diario com mensaxes atraintes e enganosas para lograr a auto-negación e a alienación. É así como se tenta convencer aos traballadores de que os seus intereses son os das clase dominante.
Nos grandes medios dase a sensación de que exista unha forte resignación xeral. Fora das grandes mobilizacións puntuais, percibes, pola túa actividade, un incremento da conflitividade social. Que relación garda isto coa comunicación?
Chega un momento no que a distancia entre a ficción que emana do poder e a realidade se distancian tanto, que se fai doadamente constatábel o grao de corrupción do parlamentarismo burgués e a sobre-explotación se sinte a tal ponto que os parches de morfina ideolóxico-mediática non son suficientes. É aquí onde volta aparecer a comunicación, ligada estreitamente aos procesos de toma de conciencia e xeración de ideolóxía, como parte dun proceso que vai dirixido á conquista do poder popular. Tal e como acreditamos no conceito de educación popular ou poder popular, é como plantexamos tamén a comunicación popular, como parte dun triángulo indisociábel.