Falamos con Ernai, a nova organización xuvenil da esquerda abertzale que nace após un intenso proceso de debate no que participaron miles de mozas e mozos de Euskal Herria. Despois do ciclo de ilegalizacións que foi especialmente intenso a nivel xuvenil (Jarrai – Haika – Segi), Ernai nace con forza e nun novo escenario aberto logo da decisión de ETA de abrir paso á fin do conflito armado.
O primeiro acto de masas de Ernai foi o Gazte Danbada, festival xuvenil onde miles de mozas e mozos se reuniron para debater, aprender, reivindicar e festexar, e no que Isca! participou tamén como delegación convidada xunto a representantes de diversos pobos en loita.
En marzo presentastes de xeito público a nova organización logo dun profundo proceso de debate. Cales foron as conclusións deste e con que obxectivos inmediatos nace Ernai?
En setembro do pasado ano presentamos o proceso fundacional Gazte Zukgua co fin de debater entre a mocidade vasca as bases da organización xuvenil. Foi un proceso longo e profundo do que facemos unha valoración moi positiva tanto cualitativa como cuantitativamente, e que se baseou na realidade colectiva que conforma a mocidade vasca, oprimida como xuventude e como pobo.
Após o proceso, formulamos dúas liñas de traballo principais. A primeira, a construción de novos modelos de vida. Nese senso, traballaremos tanto pola destrución do actual sistema capitalista patriarcal como pola construción de novos modelos alternativos, entendendo que os pasos que se dean nun dos sentidos facilitarán o camiño do outro. A segunda, a resolución do conflito. Somos parte da realidade actual e entendemos que a mocidade debe facer unha achega en positivo en relación á resolución do conflito.
Que novas achegas facedes nesta nova aposta política en relación a experiencias pasadas?
Ernai nace o 2 de marzo após un longo proceso entre a mocidade. E este proceso baséase na necesidade de crear un espazo para a mocidade onde debater, crear e loitar xuntos. O propio proceso deuse tenda en conta o escenario sociopolítico actual, e tamén analizando as achegas de diferentes movementos na loita de liberación social e nacional de Euskal Herria. Nese sentido, a mocidade sempre foi moi activa neste pobo, e recollemos as achegas e a aprendizaxe de moitos anos de loita e de traballo.
Quizais sexa aínda cedo para falar de novidades que poida ter Ernai en relación con outros movementos, xa que será a mesma práctica revolucionaria a que amosará a nosa aposta política. Mais si que nos gustaría subliñar certos aspectos da organización. Primeiro, o feito de asumirmos o feminismo como parte do noso proxecto político. Debemos cambiar o sistema actual, e o cambio debe ser feminista. E segundo, a aposta polo local. Tanto a organización da nosa estrutura como a aposta política baséanse nas necesidades e preferencias de vilas e barrios. Queremos construír unha alternativa nacional baseada na loita e nas alternativas locais.
Nacedes no medio dunha crise económica que é tamén social e política. Como inflúe esta situación (especialmente complicada para a mocidade) no voso traballo e nas respostas políticas a elaborar?
Como xa comentamos, un dos principais eixos de traballo de Ernai é a construción de novos modelos de vida. Debemos facer fronte ao sistema capitalista patriarcal e para iso é indispensábel crearmos novos modelos, día a día, novas formar de producir, consumir, relacionarnos… e deixar de reproducir o actual sistema. Nese sentido, e entendendo a crise actual non só como económica, senón como sistémica, debemos facer unha aposta global. Cada vez son máis os mozos que deixan Euskal Herria para buscar emprego, as condicións de traballo son peores cada día, e máis tras venceren os convenios colectivos dos traballadores, a reforma educativa non deixa de atacar os estudantes… Queren converter a mocidade en mercadoría barata que garanta a estabilidade do sistema. Pero nós queremos estudar, traballar e vivir aquí, en Euskal Herria. Debemos facer fronte aos incesantes ataques do sistema e dos estados e construírmos as nosas propias alternativas baseadas na solidariedade, na cooperación e nas necesidades do pobo.
Uns dos elementos centrais na elaboración teórica da esquerda abertzale é que a liberación nacional e social van unidas. Que papel lle dades á reclamación de soberanía e independencia en relación a un proxecto de transformación social e de superación do capitalismo e o patriarcado?
Entendemos que a mocidade vasca está oprimida de diversas formas: estamos oprimidos como mozos, como traballadores, como mulleres, como estudantes e tamén como pobo. É por iso que entendemos que a nosa loita debe facer fronte a todas estas opresións no seu conxunto xa que todas están unidas. O noso proxecto político defínese como independentista, socialista e feminista e nese sentido a achega de Ernai é a construción de Gazte Herria: un estado socialista e feminista vasco no que a mocidade sexa libre e empoderada. A loita pola liberación social e pola liberación nacional deben ir unidas xa que non entendemos un estado vasco que non sexa socialista e feminista, do mesmo modo que non é posíbel un cambio social que nos oprima como pobo.
A represión foi a resposta constante para a mocidade vasca organizada desde hai bastantes anos. De feito, aos poucos meses de nacerdes, a vosa web foi pechada por orde da Audiencia Nacional. Como analizades o inmobilismo por parte do Estado e como afecta ao voso labor político?
A Esquerda Abertzale no seu conxunto fixo unha aposta clara pola resolución do conflito político que vive Euskal Herria. Nos últimos anos déronse pasos firmes, tales como os pasos dados polos exiliados vascos en Biarritz ou a resposta de ETA ás recomendacións do foro social celebrado en marzo, que trouxeron a Euskal Herria o actual escenario. A día de hoxe seguen a sucederse pasos unilaterais co único obxectivo de superar o conflito no seu conxunto.
Malia que os estados seguen enrocados nas súas posicións represivas, é innegábel que se abriu un novo escenario, e queremos deixar claro que nin Ernai nin a Esquerda Abertzale van entrar nese macabro xogo represivo dos estados. Mantémonos firmes na nosa aposta e seguiremos traballando polo noso proxecto. Cabe destacar que aínda a día de hoxe son moitos os e as mozas á espera de xuízos polo seu labor político, como os 40 mozos que serán xulgados en outubro; segue habendo detencións, como as acontecidas esta sema en Iruñerria tras os sanfermíns… Non debemos temer os ataques represivos, senón responder de forma contundente e sobre todo, amosar a nosa clara disposición a seguir a traballando e loitando polos nosos obxectivos.
Un dos eixos definitorios do traballo de Ernai e da nova estratexia política é a desobediencia. Que papel lle dades a esta forma de loita nesta nova fase?
Entendemos a desobediencia como un acto comunicativo. Un acto que debe ter un obxectivo claro, un receptor, unha mensaxe. Seguindo a nosa estratexia política construiremos un estado socialista e feminista vasco negando e facendo fronte ao actual sistema político, social e económico. Temos que facer da desobediencia unha ferramenta que nos permita construír o noso proxecto sen ter que esperar por ninguén.
A historia demostrounos que a desobediencia, na comprensión más ampla do termo, é unha ferramenta moi útil. Enfrontarse ao opresor, rachar coas regras estabelecidas, permite obter pequenas vitorias que encamiñen toda unha loita cara á vitoria. Durante os últimos meses vivimos casos de muros populares, como en Donostia ou Ondarroa, co obxectivo de deter a detención de mozos, que serviron para axitar o panorama político e facer chegar a inxustiza destas detencións a toda a sociedade.
Por último, que mensaxe queredes enviarlle á mocidade rebelde galega?
Primeiro, facervos chegar un saúdo revolucionario desde Euskal Herria e animar á mocidade galega a unirse á loita. Pode que o noso inimigo poña unha carauta diferente en cada parte do mundo, mais a nosa loita é a mesma. Como dicimos en Euskal Herria “Hamaika herri, borroka bakarra!” (moitos pobos, unha única loita!). Debemos loitar de forma local para facer a nosa achega de forma global, e cada pequeno paso que deamos será unha vitoria para todos os revolucionarios. Xuntos, conseguirémolo. Batera egingo dugu!
Publicado no nº7 do noso voceiro nacional “Combater”