A seguir podes ver algunhas imaxes da nosa participación na manifestación do pasado 13 de marzo en defensa do aforro, o emprego e o país, así como ler o texto da folla que distribuímos nesta mobilización, que congregou arredor de 5000 persoas:
Estamos fart@s de ser unha colonia!
As diversas agresións que nos últimos tempos ven sufrindo a nosa economía non son novas, e están directamente ligadas ao rol subordinado que ten asignado hoxe en día a nosa nación, tratada como unha colonia á que non se lle permite dispoñer dos seus recursos ou aforros, planificar a súa economía ou desenvolver os seus sectores produtivos.
A anunciada privatización da caixa galega, a nova reconversión encuberta do sector naval; as políticas que levan ao peche de miles de explotacións gandeiras; decisións discriminatorias para Galiza como o acordo pesqueiro da UE con Papúa ou o decreto do carbón… teñen todas un común denominador: son consecuencia de políticas decididas lonxe do noso país, en Madrid ou Bruxelas, que sempre subordinan a nosa economía a intereses foráneos, ante a pasividade dun goberno autonómico que non só non se opón senón que mesmo colabora con estes ataques.
A crise do capitalismo deu a excusa perfecta para unha nova arremetida contra os intereses das maiorías sociais, ante a que o noso país está especialmente desprotexido, non sendo casual que as cifras de desemprego sexan aínda mais altas que na media estatal mentres as grandes empresas e bancos seguen a acumular beneficios.
Ademais, carecermos dun marco galego de relacións laborais impídenos facer fronte de xeito mais efectivo ás agresións contra os dereitos das e dos traballadores e os numerosos recortes sociais. É mais, o goberno, patronal e os sindicatos estatais pretenden centralizar aínda máis a negociación colectiva, facilitándolles aínda máis o camiño a novos recortes de salarios e dereitos ao tempo que tentan reducir a incidencia da molesta disidencia sindical galega ou vasca que é a única que no marco do estado se opón efectivamente aos planos do capital.
Para nós, por tanto, o cerne do problema radica na nosa carencia de soberanía, pois non dispoñemos de ferramentas para facer fronte a todos estes ataques e levar a cabo políticas diferentes ás que están a impor os mercados.
Con capacidade de decisión e vontade política podería mudarse a situación: por exemplo, apostando por unha banca pública galega que realmente estivese ao servizo dos sectores populares e da economía produtiva. Ou con medidas reais para crear emprego de calidade na nosa terra. Ou que Galiza contase con unha voz propia no escenario internacional para defender os seus intereses.
Un futuro digno para o noso pobo e a nosa economía só pode pasar por acumular forzas en favor do noso dereito a decidir sobre nós mesmos, pois a autodeterminación é a única chave que pode abrirnos a porta a planificar a nosa economía en función das necesidades da maioría social, dun xeito racional, sustentábel e autocentrado. A única que pode abrirnos o camiño a construir un sistema social máis xusto e democrático: o socialismo.