Estudantes de Informática defenden as súas titulacións

informatica1.jpg

O pasado 17 de marzo estudantes, docentes e traballadores do ámbito das Enxeñarías en Informática manifestábanse na cidade da Coruña cunha mensaxe clara: a defensa das súas titulacións. A mobilización, convocada pola Plataforma Galega para a Defensa das Enxeñarías en Informática (PGDEI), tivo un grande éxito de asistencia (ao igual que a mobilización que houbo o 19 de novembro na mesma liña) onde se exixía a regulación das Enxeñarías en Informática, tanto no ámbito académico coma no profesional.

Esta mobilización axudou a elevar a consciencia entre os estudantes do que supón o proceso de Boloña, aplicado ao caso concreto da Informática. Dado que as titulacións non tiñan regulación profesional, a Enxeñaría en Informática ficou fóra das fichas competenciais que elaboraba o Ministerio de Ciencia e Innovación á hora de que haxa unha homologación dos futuros títulos de grao e máster, unha vez se instale definitivamente no sistema universitario o Espazo Europeo de Educación Superior. Gracias á mobilización de Novembro, á que se lle dou continuidade coa do 17 de Marzo, o Ministerio de Ciencia recuou e elaborou unhas “pseudofichas” que serven de ponto de partida cando se elaboren os futuros graos. Agora só resta a súa publicación no BOE através dunha orde ministerial.

Outro aspecto que pretendían socializar os manifestantes é mellorar a consideración social das Enxeñarías en Informática, pois consideran que está presente en practicamente todos os ámbitos da nosa vida diaria: a información en formato dixital, o acceso e automatización do seu tratamento, a creación constante de hardware más potente ou de menor tamaño e a creación de software para dotar á sociedade de novas habilidades no ámbito social ou profesional (desde o ámbito da medicina até o aeronáutico) supuxo unha transformación completa da sociedade.

informatica2.jpg

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario