A sinatura por parte do daquela rei español Juan Carlos I e Leopoldo Calvo Sotelo do vixente estatuto de autonomía no noso país foi o xesto que poñía por escrito o que xa todas sabemos, o marco de servidume do noso pobo como colonia do Estado español.
O que podemos extraer destas máis de catro décadas é que esta sinatura foi un elemento da “transición” para tentar apagar e desactivar as reinvidicacións nacionalistas no país. Relegáronnos a non ter voz e a alonxarnos das decisións que nos afectan.
Subsistir baixo este réxime deixou en claro que non existe marxe de reforma do marco estatutario, pero moito menos do constitucional, negador da existencia das nacións oprimidas e que garante un sistema económico inxusto para as clases populares.
E ante este panorama, pero sen renunciar a conseguir calquera avance parcial que mellore a vida das clases populares, a única alternativa é o dereito a autodeterminación da Galiza como vía que conduza á independencia nacional. Aquí é onde se erixe o BNG como fronte de masas do soberanismo.
Acreditamos no BNG como o espazo unitario de confluencia de todo o soberanismo e independentismo que aspira á transformación social e, por iso, a nosa crítica pola deriva do rol institucional de priorizar unha suba de votos en detrimento do traballo político de base. Non se pode tentar agochar as liñas ideolóxicas do BNG para chegar a gobernar; a única vía posíbel é defendelas sen reparos e abertamente.
Nas pasadas eleccións autonómicas e ante o bo resultado electoral, a fronte deu un xiro cara á dereita no eixe nacional, con propostas explícitas a gobernar as institucións autonómicas existentes para “xestionar de xeito diferente” ou a camiñar cara a un novo estatuto de autonomía. Gobernar a Xunta catro anos sen un pobo concienciado e organizado en todos os ámbitos, ou con intención de empregar as institucións para esta tarefa de conscienciación, de pouco pode servir. O camiño para reforzar as bases pasa por volver aos esquemas claramente soberanistas e de esquerda e non en acomodarse nas institucións que historicamente se pretendeu superar.
Dentro da fronte xuvenil de masas tamén podemos observar esa deriva autonomista, tanto polo aumento do rol institucional como polo detrimento do traballo político de base. Galiza Nova é entón a extensión do que está a acontecer no BNG, a eterna longa sombra que reflicte e repite a forma de actuar da fronte de masas sen parar a reflexionar se é o camiño correcto.
A nosa aposta pasa por ter unha mocidade revolucionaria que actúe como referente no proxecto político que leve á independencia e ao socialismo da Galiza. Neste camiño non imos perdernos en intentar reformar o irreformábel ou en moderar as nosas posicións. Témolo claro: o único camiño posíbel é a ruptura democrática que leve á República Galega como un paso previo á sociedade sen clases.