Fronte ao lingüicidio, monolingüismo social!

linguaNa Galiza existe un conflito lingüístico, sabémolo. Non é novo, sempre existiu malia que durante anos o poder o negase. A nosa lingua nacional permanece minorizada na propia patria, deturpada e apartada de facto de todos os espazos de poder económico e político, malia que de cando en vez o presidente da Xunta nos agasalle unha sorte de castrapo.

Ao longo dos anos a táctica cambiou, mais a fin segue a ser a mesma: o exterminio do noso idioma. Hai anos o españolismo buscaba unha morte lenta, paulatina e silenciosa; cunha convivencia harmónica e sen conflito, teórica igualdade. Agora a táctica é moito máis agresiva, constante e violenta, unha política castelanizante e antigalega. O PP lexisla acorde aos seus intereses: decreto do galego no ensino que equipara o noso idioma a outros foráneos -contestado por medio das mobilizacións en defensa da lingua máis grandes que se recordan-, eliminación de gran parte dos presupostos orzamentarios para o fomento do galego no ensino público -baixada de medio millón de euros en catro anos-, o nulo cumprimento da Lei de Normalización Lingüística ou mesmo chegando á provocación máis absoluta subvencionando con máis de 300.000 euros a Enrique Iglesias para a “promoción do turismo en Galicia” -en castelán, por suposto- mentres que o orzamento xeral total para a promoción do idioma nos concellos é ben inferior.

E a realidade defínese nunha palabra: emerxencia. O galego deixou de ser a lingua habitual da meirande parte da poboación. Mentres que a Xunta celebraba hai uns meses estes datos como o “incremento do biligüismo“, mostra real de cal é o seu verdadeiro obxectivo,  nós analizabamos como nunha década deixaron de falar só galego miles de persoas, situándose no 44% do total. Os datos son aínda máis desoladores entre a mocidade, sendo o galego a lingua de uso oficial para o 36% das mozas de entre 15 e 29 anos, fronte a un 63% do castelán, cifra aínda máis agudizada nas rapazas de 5 a 14 anos.

O Partido Popular continúa coa súa política de destrución nacional, parte dun proxecto meditado e nada casual. Por iso estamos chamados a encher as rúas con dignidade e facer da reivindicación da lingua un clamor unánime. Unha reacción á demolición programada da nosa lingua. Venzamos o combate normalizador e demostremos á mocidade e ao conxunto do país que a nosa lingua, alén de ser nosa e o principal sinal de identidade do noso pobo, é digna, extensa e útil. Sabemos que o monolingüismo social e a normalidade só estarán aseguradas nunha Galiza soberana e debemos acumular forzas con ese obxectivo: unha Galiza independente e con monolingüismo social!

Por todo isto, estamos chamadas a nos mobilizar o vindeiro domingo día 8 de febreiro a partir das 12:00 horas na marcha convocada por Queremos Galego, con saída desde a Alameda de Compostela. Un 8 de febreiro onde tamén lembraremos que, hai exactamente 6 anos, as nosas vaquiñas, unha charanga torera e decenas de persoas máis (6 delas condenadas a un total de 11 anos e 5 meses de prisión, ás que lles mandamos sempre a nosa forza solidaria) saímos a demostrar que a dignidade do pobo galego non se negocia e que o españolismo non nos poderá parar no camiño de defender o noso idioma e denunciar a imposición lingüísitica.

Fronte o lingüicidio, monolingüismo social!

Na Galiza só en galego!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario