Fútbol gaélico: O deporte das clases populares

Liga Gallaecia na Coruña

Artigo publicado no Combater nº8, voceiro nacional de Isca! 

O fútbol gaélico é aínda un gran descoñecido para as galegas, a pesar de ser un deporte que xurdiu en Irlanda polo 1537, formalizado mais tarde no século XIX. Non só é lonxevo, tamén é o deporte mais seguido da Irlanda causando autentico furor entre o pobo. Ademais ten unha cualidade bastante particular, esta é a de non ser profesional, é dicir, as xogadoras non teñen permitido cobrar por xogar, nin por publicidade, a pesar de ter miles e miles de seareiras, só se xoga para defender as cores do teu condado e chegar a ser a a equipa campioa do “All Ireland”, a copa onde se enfrontan todos os condados do país.

Debido á súa historia, Irlanda creou un deporte cunhas características especiais. O sentimento de nación que se sinte nos xogos do “All Ireland” débese a que o deporte foi unha fronte máis onde as irlandesas buscaban a súa diferenciación e a defensa da súa cultura fronte ao inimigo invasor inglés que intentou esmagalos por uns 800 anos.

Tampouco é casualidade que os británicos foran matar aos campos de gaélico, lugar onde se reunía o pobo concienciado e con sentimento nacional da Irlanda. Isto pasou en Croke Park, o maior estadio do país e onde se xoga a final do “All Ireland” aínda hoxe en día. As tropas militares e policiais creadas para evitar a independencia de Irlanda, os “Black Tans” e a “Auxiliary division”, dispararon salvaxemente matando 14 persoas e ferindo 65. Este foi o motivo de que se prohibise a realización de calquera deporte británico (fútbol, rugby e cricket) nos estadios de fútbol gaélico e un motivo máis para crear un estado soberano Irlandés.

No noso país, quíxose recoller todos os sentimentos que aporta esta práctica deportiva e facelos propios, o carácter non profesional e de base, o sentimento nacional, a irmandade de nacións celtas, o sentimento fraternal e de unión que se respira despois do xogo cando a equipa anfitrioa convida a tomar algo á visitante e no caso dalgunhas equipas a integración de homes e mulleres en equipas mixtas. Estes son motivos dabondo para animar a un nutrido grupo de persoas a practicar o deporte irlandés por excelencia.

Na Galiza, o fútbol gaélico desembarcou alá polo ano 2010 ca fundación do Fillos de Breogán en modalidade masculina e o Fillas de Breogán na modalidade feminina. En xullo de 2012, da man das Siareiras Galegas, celebrouse na localidade de Narón o primeiro encontro oficial da selección galega tendo como rival a Bretaña. Froito deste proceso de impulso dos primeiros xermes gaélicos, comezaron a aparecer equipos por toda a xeografía galega como Suevia e Estrela Vermelha en Compostela, Irmandinhas na Estrada, Mecos do Grove, Pontevedra Fútbol Gaélico, Cascarilha na Coruña, Ártabros de Oleiros, Ambílokwoi en Vigo, Torques de Lugoslavia en Lugo ou as Afiadoras de Ourense. A raíz do xurdimento de numerosas equipas, constituíronse dúas ligas populares que buscan facerse un oco no mundo deportivo do noso país.

O suceso do fútbol gaélico é incuestionábel: un proxecto autoxerido e nado nos movementos populares deste país que vai achegando a decenas de persoas un espazo de convivio onde se exaltan valores tan necesarios nesta sociedade desnaturalizada como son o compañeirismo, a solidariedade e máis tamén o traballo en equipo; servindo como ferramenta de transformación individual e social. As contradicións que se dan no seo dos deportes de masas entre as orixes e a súa evolución nas últimas décadas fai que sexa máis necesario do que nunca a construción da sociedade nova que tanto arelamos, na cal o ámbito deportivo tamén xoga un importante papel.

Desde Isca! entendemos o deporte como un vehículo transmisor de sentimentos e valores; unha ferramenta de lecer que nos fai menos dependentes da sociedade de consumo e máis libres socialmente. En definitiva, un instrumento de relacionamento comunitario que mora lonxe das estruturas capitalistas, e o fútbol gaélico conseguiuno.

Unha vez máis, como dixo o poeta: “Érguete e anda, coma na Irlanda, coma na Irlanda”

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario