Galiza é a nosa selección!

Durante as pasadas semanas asistimos á proliferación de simboloxía española por toda a xeografía da Galiza, sen importar nucleos rurais, vilas, cidades. En moitos casos, o apegamento aos éxitos deportivos amósase como unha sorte de reacción optimista perante a situación de inestabilidade social e económica que sofre o país; como se os problemas reais do día a día desaparecesen por levar a rojigualda pintada nas fazulas.

O monopolio que o  balompé  exerce como espectaculo circense eclipsa a grande diversidade de disciplinas deportivas que existen e son practicadas (nalgúns casos até de xeito militante) no noso país.  É empregado como catalizador populista e actúa como punta de lanza da estratexia do Estado Español para limitar de xeito plenamente consciente as respostas do pobo aos ataques do capital até o punto de que ninguén parece indignarse cando os futbolistas gañadores da Eurocopa cobran millóns de euros a conta do erario público sen nin sequera cotizalos aquí  (por non falar dos 752 millóns de euros que deben os equipos de fútbol á Facenda pública ou os 600 millóns  que lle deben á Seguridade Social).

Estes períodos cíclicos que nos toca sufrir de efervescencia españolista son aproveitados por elementos franquistas para tiraren a carauta e amosaren a súa simboloxía para, coa escusa do éxito de España en campionatos internacionais de balompé, faceren apoloxía descarada de corenta anos de asoballamento e ausencia de liberdades (bandeiras franquistas en fiestras, prazas, celebracións, etc.). Ao mesmo tempo que se incorre en situacións inxustas  se comparamos como o feito de que para calquera manifestación contra o sistema haxa que atravesar un cento de trámites e trabas mentres que para ocupar prazas, rotondas, fontes e demais espazos públicos co fin de amosarse español, español, español non haxa máis que facelo, sen consecuencia algunha. Se a isto lle sumamos que xa é habitual que os gobernos municipais galegos (algúns até gobernados ou co-gobernados polo nacionalismo) instalen ecráns xigantes para a visualización dos partidos da selección española ( só os da española e só os de fútbol, porque o que importa non é o deporte senón que é fútbol e é España quen xoga) atopámonos como un feito normal a asunción como propia da simboloxía españolista por parte de milleiros de galegas e galegos.

No entanto, este “fervor” patriótico tamén esperta reaccións conscientes por parte de quen nos sentimos violentados ante o despregar españolista. Así, ao longo do país adiante xorden actos contestatarios como a retirada e/ou destrución da simboloxía española ou as orixinais iniciativas de “Canha contra Espanha” de Siareiras Galegas ou o “Roja en el Colacao” impulsada polo movemento ridiculista. Nós, manifestamos o noso incondicional apoio a todas iniciativas encamiñadas á promoción, divulgación e reivincación de todo o deporte galego, con recoñecemento oficial e internacional.  Porque a selección que representa a nosa nación só é a galega!

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario