Un coñecido programa da televisión de Israel satiriza as escasas baixas israelís fronte ao milleiro de mortos palestinos como se se tratase dun concurso televisivo, “Aravisión de Sangue”. Os locutores rinse sobre o número de asasinados que van tolerar os estados europeos antes de intervir, de xeito que Italia permitiría 600, segundo o corresponsal en Roma, pero en Berlín tolerarían 6.000.
A continuación, un actor interpreta a un militante de Hamás nunha gardería e afirma que “temos nenos moi simpáticos que poden servir de escudos humanos”, para conceder o dobre de vítimas que os alemáns, e pide que avisen do bombardeamento de zonas civís para colocar as cámaras.
Un militar actualiza despois un marcador como se se tratase dunha competición deportiva: Visitantes 504-Local 4, pero advirte que “non hai que confiarse, sempre podemos aumentar a diferencia”.
Os responsables do programa, que foi temporalmente suspendido, teñen mostrado fora do plató o seu apoio á invasión de Gaza. Diante das cámaras, ofreceron máis unha mostra da dexeneración de boa parte da sociedade israelí, sumida na banalización do terror, a manipulación das masas e o acriticismo ante o poder, sempre entre as risas do público do programa Eretz Nehedet, que significa “País Marabilloso”.