[II AN do MGS] Construír e avanzar. Galiza independente e futuro socialista

O vindeiro sábado 13 de Decembro o Movemento Galego ao Socialismo (referente partidario do cal Isca! son as súas mocidades) celebrará a súa II Asemblea Nacional no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lemaConstruír e avanzar. Galiza independente e futuro socialista”. A asemblea ten lugar no quinto aniversario da formación do MGS e dous anos despois da I Asemblea Nacional, que tivo carácter constituínte. A cita representa un novo paso nun proceso progresivo de afirmación e consolidación do partido, e ten como novidade a definición polo miúdo dun programa político de referencia, concebido con carácter estratéxico, e orientado á ruptura democrática que abra as portas dunha República Galega que permita a conquista do poder efectivo pola clase traballadora.

Deste xeito, dedicaremos a Asemblea Nacional a elaborar unha nova cartografía do mundo, a economía, o país e a nosa propia organización. Así, analisamos a crise estrutural do capitalismo, negando a súa mera redución a un fenómeno conxuntural, dependente só das finanzas ou da banca, senón derivado das contradicións internas deste sistema de produción; propoñemos abertamente a superación da Unión Europea e de todas as alianzas imperialistas, que non poden ser reformadas no noso beneficio, senón só combatidas e demolidas.

Non podíamos pasar por alto a crise económica, política e de lexitimidade aberta no Estado Español, marcada por unha intensa regresión social e un retroceso evidente en dereitos e liberdades, no que se acentuan os trazos propios dun réxime estruturalmente corrupto. Mais tamén existe unha resistencia en aumento, un auténtico elemento real de ruptura democrática, que non é outro que os movementos independentistas. Son as arelas de liberdade dos pobos, e tamén as galegas, as que realmente representan unha ameaza para este réxime opresivo e lexítimo, como tamén sabe -e demostra cos factos- a oligarquía española.

Neste sentido, constatamos que a análise tradicional do soberanismo galego sobre o modelo autonómico verificouse na realidade e no paso do tempo: non serve para afirmar os nosos intereses, senón para prolongar unha subordinación política e económica con consecuencias terríbeis para o pobo traballador. Falarmos de soberanía non é desligarnos dos problemas reais da poboación, como afirman os que negan a voz do pobo, senón preocuparse e mobilizarse ante o futuro que nos ofrece España: máis pobreza, precariedade e emigración; maís dependencia e expolio da clase traballadora -con reformas laborais, fraudes financeiras e impostos á medida do capital- para cebar a banca e á patronal; máis ataques contra a muller e os seus dereitos, máis asimilación cultural e lingüística e máis agresións ao noso medio. Contra todos estos ataques é contra os que se ergue a alternativa soberanista, un proxecto de emancipación integral, construído desde aquí, desde nós mesmos e as nosas propias forzas en exclusiva.

Acto de clausura aberto

A asemblea rematará cun acto aberto de clausura, que comezará ás 7 da tarde no propio Pazo da Cultura. Este acto contará coas intervencións de dúas persoas da organización para expor as conclusións da Asemblea, de membros das delegacións internacionais e do Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence; así como unha actuación musical a cargo de Habelas Hainas.

Concerto para pechar a xornada

Da nosa conta corre o concerto (de balde, por suposto) que servirá de peche lúdico dunha xornada cargada de debates e ideas para construír a Galiza independente e socialista que arelanos, e no que contaremos co Leo Arremecághona. Esperámosvos a partir das 22:30 horas no bar Entre o Lusco e Fusco (Rúa Barón, 13).

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario