[A Coruña] Acto contra as casas de apostas + pinchada e petiscos na II Festa da Patria

Achégase un novo Día da Patria Galega, que desde a súa primeira convocatoria en  1920 polas Irmandades da Fala, vén sendo a festa maior do Pobo Galego, como explicou Castelao no seu día. 

Con todos os trocos evidentes destes 99 anos de Día da Patria (moitos deles celebrados no ámbito da diáspora galega, polas prohibicións e persecucións das ditaduras de Primo de Rivera e Franco), a mocidade galega desde aquel xa afastado 25 de xullo de 1920, segue a sufrir unha situación de precariedade xeralizada, desemprego masivo ou emigración forzosa. Estas continúan a ser unha constante que atravesan a boa parte da xuventude galega. E unha vez máis toca indicar que isto non é só un problema de bos ou malos xestores, non é un problema concreto de boas ou malas políticas, é algo moito máis profundo. É o capitalismo e a situación periférica e de dependencia de Galiza.

Nunca tan clara como agora estivo a relación entre o noso proxecto de liberación nacional e o dunha transformación social digna de tal nome. Sen capacidade de decidir, sen soberanía política, económica e cultural para que o noso pobo tome nas súas propias mans o seu destino, non poderemos tecer alternativas a unha realidade cada vez máis opresiva para a mocidade.

Non obstante, os tempos cambian e aparecen novas problemáticas para a nosa mocidade. Nos últimos anos, unha delas é a irrupción masiva nos nosos barrios das casas de apostas, causando un aumento exponencial da ludopatía entre a xuventude galega. Os datos a este respecto son demoledores. A media de idade dos adictos ao xogo descendeu de 50 anos a 37,8 e afecta xa a un 30,9% das persoas menores de 35 anos. 

Isto é un gran problema para a mocidade, pois ​coa esperanza posta nun golpe de sorte que arranxe os seus problemas, son moitas as mozas que empezan a xogar, nomeadamente vía online, caendo finalmente vítimas da ludopatía. Pois o xogo non se restrinxe as casas de apostas, infecta a nosa vida diaria en todos os ámbitos: prensa, televisión, eventos deportivos, publicidade… creando unha alternativa alienante evasiva dunha realidade marcada pola miseria. Por esta razón, desde Isca! lanzamos unha campaña nacional contra as casas de aposta.

Disto é do que falaremos o vindeiro venres día 19 na Coruña, no Centro Social Gomes Gaioso, na II Festa da Patria galega de Isca! na cidade, acompañadas máis un ano de festa e baile. 

Convidámoste a que participes ás 20:00 horas na mesa redonda onde se abordarán alternativas para que a mocidade galega rache coas casas de apostas, presentando a nosa campaña O seu negocio, a nosa ruína,  e tamén contaremos con representantes de AGALURE (Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación) que nos explicarán os problemas do xogo e das apostas. Ao rematar, a partir das 21:30 horas, terá lugar unha pinchada do Marqués de Vilapodre Dj Set.

A palestra e a pinchada terán lugar na rúa Marconi 9, no popular barrio das Atochas, e haberá comida gratis e bebida a prezos populares.

Partilla e acude!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario