[Opinión] Imperialismo, soberanía e YPF

 

O pasado 16 de abril o Goberno arxentino anunciaba a expropiación de YPF (Yacimientos Petrolíferos Fiscales) , definíndoa como unha recuperación da soberanía sobre os seus recursos naturais e destacando a especial importancia do control dos enerxéticos.

En rolda de prensa, a Presidenta da República Arxentina, Cristina Fernández, presenta datos sobre como a xestión de Repsol, dende a desnacionalización de YPF en 1998, levou a Arxentina de ser un importante exportador neto de produtos do gas e do petróleo a converterse, en 2011, nun importador neto destes. Reflectiu como a produción dos xacementos de hidrocarburos e gas non deixou de descender no período 1998 a 2011 e, porén, os beneficios para os accionistas de Repsol non deixaron de medrar. A compañía incumpriu os seus compromisos de reinvestimento para explotación destes recursos, á vez que continuou a repartir dividendos. Ante esta situación, o Executivo arxentino decide tomar o control da maioría do accionariado de YPF.

Tras este anuncio, non se fixeron esperar virulentas reaccións, tanto por parte do Goberno español, como de outros gobernos e institucións (UE, FMI, EEUU…), en defensa dunha suposta legalidade internacional que esta decisión violentaba. Reaccións que xa se iniciaran incluso antes da toma desta medida por parte de Arxentina, con veladas ameazas por parte de membros do executivo español das posíbeis consecuencias que esta tería. Algúns exemplos desto son:

A rolda de prensa conxunta, que poucas horas despois de facerse pública a determinación do Goberno arxentino, deron o Ministro de Asuntos Exteriores español, José Manuel García-Margallo, e o Ministro de Industria, José Manuel Soria, na que mostraban o seu rexeitamento e ameazaban coa “toma de medidas claras e contundentes” como represalia. En un ton case bélico, o Ministro de Industria falaba de que esta se trataba dunha “decisión hostil contra España e contra o Goberno español” ademais de tamén salientar a ruptura das boas relacións co país austral.

Uns días despois, vimos como o Parlamento europeo tomaba por amplía maioría, co rexeitamento dos grupos da esquerda transformadora, a determinación de eliminar parte dos privilexios arancelarios da República Arxentina para o comercio coa Unión europea. Outros exemplos, serían as barreiras á importación de biocombustíbeis producidos neste país ou os posicionamentos públicos do Fondo Monetario Internacional (FMI) e do goberno dos Estados Unidos condenando a medida e anunciando futuras consecuencias catastróficas para a economía arxentina.

En realidade o que se defendeu, e defende, non é máis que os intereses do capital transnacional, dende unha óptica imperialista, que, vulnerando a soberanía dos pobos, cre ter lexitimidade para a intervención en calquera punto do globo, impedindo o dereito a explotación dos seus propios recursos, neste caso, ao pobo arxentino.

Ademais, a través dos medios de comunicación de masas, buscouse crear unha confusión entre o interese xeral e o interese particular dunha gran empresa transnacional. Mostrouse a nacionalización de YPF coma un ataque que afectaría a toda a poboación do Estado, o que é unha absoluta mentira, xa que en todo caso afecta a Repsol. Unha empresa que non paga no Estado español gran parte dos seus tributos (dos que non defrauda), non importa produtos petrolíferos dende Arxentina e o seu accionariado pertence a capitalistas de múltiples nacionalidades.

A pesar do amplísimo apoio que recibe esta medida no arco político arxentino, e de atinguirse ao dereito nacional deste Estado, preténdese presentar como un acto ilegal e antidemocrático. Isto, ademais de falaz, supón unha negación flagrante da soberanía política das nacións. Arxentina ten dereito a xestionarse como o seu pobo decida, sen interferencias exteriores, e o que é ilegal ou non, só pode ser determinado polo seu pobo, non polo capital transnacional e as potencias imperialistas.

Este asunto permítenos tamén poñer sobre o tapete o debate entre a xestión pública e a privada, que no caso dunha compañía petrolífera, como industria altamente contaminante, ten un especial valor. Segundo a propia Repsol indica na súa páxina web, dende 2006 ata 2012 rexistraron 6.985 verteduras de hidrocarburos, algo que cualifican de “inherente á industria petroleira”, facendo un total de 7.499 toneladas vertidas, o que supón 4.11 toneladas ao día. Cando se fala de xestión privada e os seus resultados, nunca se reflicten os custos externalizados desta, é dicir, aqueles que a súa actividade produce e que a empresa non asume como propios e por tanto non computan nos seus balances. No caso YPF a súa contaminación é soportada por toda a sociedade, o que supón unha externalización deste custo e, porén, baixo xestión privada, os seus beneficios son repartidos só entre os accionistas desta. Grazas a unha xestión pública, pese a non ser eliminados os seus custos sociais, cando menos, son parcialmente compensados, xa que a distribución dos beneficios xerados pola súa actividade reverten no Estado e polo tanto favorecen ao conxunto da poboación.

No mundo, cómpre abrir o debate sobre a nacionalización dos nosos recursos estratéxicos e a súa posta en servizo aos intereses da maioría social. En Galiza en particular, deberiamos reformular a xestión dos nosos recursos enerxéticos, onde a poboación galega sufriu e sofre o soterramento baixo as augas do seu patrimonio natural, cultural e histórico, e a destrución dos seus montes polo sobreexplotación eólica a cambio de escasos réditos. O obxectivo é a busca de modelos de xestión pública máis xustos, e cuxos beneficios e prexuízos sexan repartidos equitativamente, afastándonos da xestión privada que distribúe os males entre a poboación máis débil, mentres que os beneficios foxen en mans dos sempre favorecidos polo actual sistema económico.

 

 

 

Inacio Luxilde

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario