Isca! ante a folga estudantil do 26 de febreiro

loitando 26F 2015 cA mocidade rebelde galega ten unha nova cita para demostrar que as políticas que teñen por obxectivo roubarnos unha parte das nosas vidas deben rematar. Miles de berros de reivindicación, de indignación, de carraxe e de raia. Miles de gorxas conscientes, combativas, insubmisas e organizadas. Esa mocidade galega que non dubida en saír á rúa para defender unha das bases fundamentais de toda sociedade: o ensino; pero non calquera tipo de ensino. Un ensino integramente público ao servizo das clases populares, contrario aos postulados do capitalismo que entende este como un ben mercantil. Un ensino de calidade, básico para a formación de persoas críticas e libres. Integramente en galego, incardinado na nosa realidade e na nosa historia tan silenciada e negada, sen imposicións de linguas ou modelos alleos. Democrático, onde o estudantado teña dereitos e participación real, suxeito activo da vida diaria dos centros. Non patriarcal, onde se visibilice a muller na historia e na sociedade e se eduque na superación dos roles de xénero.

A LOMCE, unha lei profundamente reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, patriarcal e confesional afonda no desmantelamento xeral e sistemático do ensino público e en poñer o que queda ao servizo do capital. Sabemos que o ensino é básico para a formación de persoas críticas e libres, clave para o desenvolvemento dun pobo, e por iso o poder teima en se apropiar del. A LOMCE baséase na vontade mercantilizadora do ensino e de como este debe de estar suxeito aos procesos económicos e aos seus resultados, é dicir, debe axustarse ás demandas dos mercados, do capital.

A isto súmaselle a nova reformulación dos graos que se acaba de aprobar. Non é algo novo. A suposta harmonización do ensino superior á que obrigou o Plano de Boloña viña, na teoría, a homoxeneizar as titulacións do estado español coas do resto dos sistemas universitarios europeos facendo que as carreiras pasasen de 5 a 4 anos, sendo en moitas obrigatorio cursar posgraos para completar o coñecemento. Isto leva ao encarecemento xeral do sistema xa que o prezo dun ano de posgrao pode chegar a ser máis do dobre que o dun ano de grao polo que isto, sumado ao descenso no número de bolsas, fai que só as persoas que teñen suficiente solvencia os poidan cursar. Coa nova fórmula pásase de ter 4 a 3 anos de grao e de 1 a 2 anos de potgrao, o que aínda aumenta máis o prezo e diminúe a cantidade de xente que accede a eles.

Sobran os motivos non só para un día de folga e movilización masiva senón para pisar o acelerador na loita social, estar en primeira liña do combate denunciando que no capitalismo non temos futuro e que hai que rachar con este réxime corrupto e decadente. Quérennos domesticadas, quérennos pasivas, desmovilizadas no intre onde o noso golpe debería ser máis forte. Por cada moza na emigación, por cada mozo no desemprego, por cada moza que ten que deixar os seus estudos, súmase unha razón máis para facerlle fronte a este sistema.

É hora de loitar! Por todo o dito desde Isca! apoiamos a convocatoria de folga estudantil que impulsan un gran número de organizacións estudantís de corte popular, para reivindicar un ensino digno, galego, científico e antipatriarcal o vindeiro día 26 de febreiro. Para reivindicar un futuro lonxe da miseria e da falta de expectativas. Por un ensino público e gratuíto, que eduque en igualdade e que defenda a nosa lingua.

>> Convocatoria de folga

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario