A sombra da crise percorre o noso país, por medio da carestía da vida provocada polo aumento dos prezos -as cifras oficiais (baseadas nun IPC fraudulento) estiman máis dun 4%, aínda que os produtos básicos subiron máis do duplo- e o estancamentosalarial durante tantos anos (mentres as empresas aumentaban os beneficios nun 73% os salarios crecían un 3,7% como resultado do pacto social).No Estado Español os últimos anos estiveron caracterizados pola expansión do traballo temporal, a exclusión de miles de traballadores das prestacións eas bonificacións ao empresariado, reformas apoiadas ou impulsadas directamente pola UE e desenvolvidas de igual xeito por PP e PSOE.
A mocidade é unha parte extremadamente vulnerábel neste contexto, xa que sofre con maior contundencia os peores excesos do neoliberalismo, como demostra a realidade cotiá de precariedade e sinistralidade, subcontratacións e baixos salarios, ou os milleiros de galegos que teñen que emigrar cada ano, ou a discriminación de xénero, ou o feito de que o Estado chegue a ofrecernos o Exército como unha “saída laboral”. Cando os beneficios importan máis que as persoas, tamén os servizos públicos e os dereitos sociais sofren estas ofensivas, con reformas privatizadoras como a LOU e Boloña no ensino público; dereitos como a vivenda son unha quimera a pesar de que existen milleiros de construcións baleiras; ata o dereito de reunión nos espazos públicos é cuestionado e criminalizado coa desculpa do “botellón”; os medios de comunicación impoñen o consumismo e o pensamento plano, mentres as leis de propiedade intelectual priman os privilexios dos ricos contra o dereito a compartir; ata a natureza é depredada, como demostran o Plano Acuícola, o uso de transxénicos, a resistencia de Ence a desaparecer ou a construción do TAV.
As políticas económicas e laborais do Estado Español e da Xunta (que van de mans dadas no impulso do crecemento económico para unha minoría) non son parte da solución, senón do problema. A realidade económica é tamén inseparábel da situación política, caracterizada pola negación da soberanía, de xeito que o cambio político pasa pola acumulación de forzas en prol do exercicio dos nosos dereitos nacionais. É importante notar que a consolidación deste modelo asentou nos avanzos e na consolidación dunha clase social hexemónica no país, mentres vivíamos unha transformación social marcada pola asalarización, a destrución de sectores produtivos, a imposición do consumismo e os recortes de dereitos para a clase traballadora. Así, Isca! denuncia contundentemente a deriva populista de parte do nacionalismo, que nega a realidade da loita de clases para reclamar unha adhesión nacional a empresas –no duplo sentido da palabra- que funcionan nunha difusa “chave de país”, sen diferenciar os proxectos contraditorios entre clases sociais e os seus diferentes intereses.
Existen alternativas ao modelo imperante, que só deixa un ronsel de explotación e inxustiza. De Isca! pulamos por orientar cada pequena vitoria nun paso máis na construción un novo modelo sustentábel baseado na xustiza social, protagonizado pola clase traballadora e os movementos populares, e amparado nun sistema democrático e participativo. A nosa loita nacional, acompañada do internacionalismo solidario, será tamén o mellor contributo para os avanzos no resto do mundo – onde o espectro do neoliberalismo ten unha faciana máis dura, a crise alimentar condena a millóns de persoas a morrer de fame-, para acadar un futuro promisorio para a humanidade, os pobos e a natureza.
Podes consultar aquí o Rebater do 1º de Maio.