Isca! apoia o telemárketing en loita

CartazParosConveniosCentrosChamadasSer escrav@s ou ser traballadoras e traballadores con dereitos. Iso é o que se xoga o sector dos centros de chamadas na negociación estatal do seu convenio. Por iso, desde os últimos meses de 2015 a CIG vén convocando mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno e con dereitos en centros de chamada de todo o país. Fronte ao inmobilismo doutras forzas sindicais de obediencia estatal, están difundido a problemática dun sector que aglutina moita mocidade e tensionando á patronal en demanda dun convenio colectivo digno e con dereitos, fronte ás pretensións de flexibilizar e precarizar aínda máis o emprego.

Unha Patronal que case triplica a facturación nos últimos tres anos a costa dos salarios e dereitos dos seus traballadores e traballadoras, que padecen un convenio xa abondo restrictivo e beneficiado da reforma laboral de Rajoy, pretende sacar aínda máis beneficio levando a categoría laboral de teleoperadora directamente á de escrava. Isto, nun sector xa de por si precarizado onde se abusa do contrato de formación, é habitual a contratación via ETT ou con procedementos temporais por parte das propias empresas, non se regulan as preferencias horarias por convenio, etc. Ademais, nunha profesión cuns custos psíquicos e físicos (presións por obxectivos, duracións das chamadas, trato coa clientela; consecuencias físicas polo uso da voz, polas condicións do espazo de traballo…) non suficientemente recoñecidos laboral nin socialmente.

Como se isto non fose abondo, a patronal pretende reducir aínda máis os dereitos. Exemplos prácticos: mentres o seu lucro aumenta, queren situar o aumento salarial só nun 1%. Pretenden, tamén, afondar na distribución irregular da xornada, para que calquera teleoperadora estea disponíbel a tempo completo para despois traballar e cobrar se cadra 20 ou 30 horas.

É máis, a ofensiva do novo convenio chega a límites físicos. Por exemplo, o actual convenio contempla unha parada visual (é dicir, que a traballadora poida parar de falar e ler, levantarse, ir ao baño…) de CINCO minutos cada SESENTA. Pois a proposta inicial da patronal é reducir estas pausas Á METADE. Alguén dubida que iso é escravismo? Calquera persoa que lea isto pode facer a proba e comprobar as consecuencias físicas. Isto é ao que chaman flexibilización desde a patronal e desde Isca! só podemos dar o noso apoio aos traballadores e traballadoras que, da man da CIG, están sendo valentes e mobilizándose para que isto non pase.

Para loitar contra isto é fundamental ter unha voz propia, situada no soberanismo e á esquerda, como a CIG, como altofalante. Esta é unha mostra evidente de como a dependencia do Estado español repercute negativamente na clase traballadora galega, que se ve na obriga de negociar como unha parte máis nun marco amplo e condicionado por sindicatos de obediencia estatal con posicións insuficientes. Por iso, seguiremos defendendo a necesidade dun marco laboral propio onde negociar as nosas condicións laborais.

Cómpre salientar, ademais, que en empresas como Extel da Coruña ou Unísono de Vigo, cun longo historial de ERES e conflitos laborais recentes, esta proposta de convenio agudiza unha situación xa extrema para moitos traballadores e traballadoras fronte á que só caben a mobilización e a solidariedade de todas e todos nós.

Mañá martes 2 de febreiro, forza para as traballadoras e traballadores que farán os primeiros paros de chamadas por un convenio xusto!

.

Amplía información no portal da CIG

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario