Isca! apoia as mobilizacións da CIG contra a crise o 13-N

cartazcrise.jpgIsca! apoia as manifestacións convocadas contra a crise  polo sindicato nacional CIG, que vén desenvolvendo nas últimas semanas unha campaña para denunciar os responsábeis da actual situación económica e as repercusións que terá sobre a clase traballadora. Nesta campaña a CIG demanda un novo modelo socioeconómico e a adopción de medidas por parte dos gobernos para que esta crise a pague quen a provocou e non a maioróa social. O 13 de Novembro haberá manifestacións en todo o país, nos lugares e horas que detallamos a continuación:

A Mariña: Saída ás 19:30 da Praza Maior de Viveiro

A Coruña: Saída ás 20:00 horas da Praza da Palloza.

Ferrol: Saída ás 19:30 da Avenida de Esteiro, diante do sindicato.

Lugo: Saída ás 20:00 h da Ronda da Muralla, diante do sindicato.

Ourense: Saída, ás 20:00 h do pavillón dos Remedios.

Pontevedra: Saída ás 20:30 h da Praza da ferrería.

Santiago: Saída ás 20:00 h da Praza Roxa.

Vigo: Saída ás 20:00 da Vía Norte.

Colante contra a crise

A seguir, reproducimos o texto do rebater que editamos para a data (podes descarregalo aquí en pdf):

Marx tiña razón, antes e despois da crise. Este sistema non funciona, non porque a súa productividade se constipe en momentos determinados, senón porque non é nin quere ser humano, porque está preocupado polas mercadorías e pola maximización de beneficios, que nin sinten, nin padecen; o capitalismo non só destroza economías, senón que golpea as nosas vidas e consume o planeta. A crise financieira -que chega xunto coa crise alimentar e a enerxética, e aínda a ambiental- segue a agudizarse, como era de prever, para transformarse nunha crise social, como saldo inevitável, como corolario seguro, de décadas de neoliberalismo.

Son as leis do mercado as que requeriron “rescates” multimillonarios para os bancos, para os que si existían os fondos que antes se negaban para alimentar o planeta, curar ou educar as persoas ou protexer e garantir bens comúns como a auga: os que causaron a crise non son rescatados, secuestran fondos públicos para seguir a especular, ou mesmo aproveitan para prescindir das traballadores e traballadores, sobre cuxas cóstas construíron as súas fortunas.

As políticas imperantes, aínda edulcoradas, son evidentes: cobrarnos a crise aos de abaixo, cos que nunca compartiron beneficios en tempos de bonanza, impor medidas autoritarias -nas que a represión contra os migrantes ocupa un papel salientábel en Europa- e quizais refundar o capitalismo para facer boa unha nova transición na que mude todo para que non cambie nada.

As respostas están por escreber, con propostas esperanzadoras xa no espazo público, nomeadamente as demandas sindicais de implantación dunha banca pública galega, contrarreforma fiscal a favor da clase traballadora, soberanía alimentar, salario social e estabilidade laboral, como ferramentas para inverter a deriva neoliberal e comezar a construcion dun futuro promisorio no que non podemos ser convidados de pedra: porque tamén nós, as traballadoras e os traballadores galegas e galegos, temos hoxe a razón.

Desde Isca! achegaremos tamén a nosa modesta contribución á extensión da loita anticapitalista, conscientes de que non é o momento de aceptar ou negociar un “novo” capitalismo nin de amparar os bancos e construtoras inmobiliarias para volver á imposíbel normalidade capitalista. É o momento de avanzar por medio da construción de poder popular no camiño da independencia e do socialismo que garanta a igualdade en dereitos e dignidade das persoas e dos pobos e recoñeza os límites dos recursos do planeta. Nesa loita centramos os nosos esforzos.


Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario