No dia do internacionalismo proletario, Isca saiu à rua acompañando as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista cos lemas “Non aos recortes da protección social” e “Autodeterminación”.
Isca, como organización de esquerda anticapitalista que acredita na loita de clases, ve o 1º de maio como unha ocasión na que defender un proxecto de ruptura co sistema, que conceda capacidade de decisión ao noso pobo e xustiza para a maioría social do noso país, isto é, os traballadores e traballadoras. Sair á rúa nesta data é máis necesario ainda nun ano como este, no que vimos de vivir duros conflitos laborais como o do naval em Vigo ou o do sector da construción, que volven demostrar que só en base á organización, á solidariedade e á loita a clase traballadora poderá conseguir os seus obxectivos non só de melloras laborais, senón tamén de transformación social.
COA CLASE TRABALLADORA CARA Á SOBERANÍA NACIONAL
Máis un ano saimos á rúa o Primeiro de Maio, non como celebración ritual mais como alavanca para seguir a reivindicar os dereitos da clase traballadora do noso País, para defender o conseguido e para reclamar o que ainda se nos nega, dentro dun movemento que procura a liberación nacional e social do noso pobo.
Na actual fase do neoliberalismo, a mocidade serve de excelente campo de experimentación dos efeitos mais perversos sobre o mercado do traballo: precarización, temporalidade, baixos salarios; fomentando unha “luita interxeracional” que interesa aos sectores hexemónicos para dividir a clase traballadora. Hoxe en día a situación da mocidade traballadora da Galiza caracterízase especialmente por dous factores interrelacionados: a terciarización e a precariedade. Esta terciarización é a expresión concreta, na faixa etaria da mocidade, do fenómeno de asalarización que vén marcando o mundo do trabalho no noso País. Unha asalarización onde o poder adquisitivo do traballado diminue, incrementándose así a taxa de gaño que obtén o empresariado: iso fala ás claras das características precarias que marcan os postos de traballo que obtén a mocidade, nun contexto onde ademais a taxa de desemprego é tres veces superior á media. Así, a taxa de temporalidade na mocidade é de mais dun 50%, e onde os contratos indefinidos asinados pola mocidade non pasan dun ridículo 3%, o que se traduce en baixos salarios. Non podemos esquecer que neste contexto as mozas viven situacións nas que estes índices de precariedade e temporalidade duplican a dos mozos, e cuestións tan básicas como a igual traballo, igual salario están ben lonxe de ser real. Ademais, neste depredador mercado laboral organizarse e rebelarse está penalizado, e en moitos casos para a xente nova a liberdade sindical, poder falar galego no seu traballo ou viver con liberdade a súa orientación sexual pode supor moitos problemas.
Este ano veu marcado ademais pola alta conflitividade laboral no noso País: ademais da folga do metal, exemplo de combatividade; nestes momentos podemos comprobar a existencia de conflitos ao longo da nación: no profesorado do ensino non universitario, nas profisións sanitarias, na minaria auxiliar do carbón, na mina do Serrabal ou no naval en Vigo…
Todo isto contrasta ademais co labor do sindicalismo españolista, que continuou coa súa política de pacto social, tanto a nível estatal como galego, onde asinaron un pacto a tres coa patronal e o goberno galego reducido a meros retoques cosméticos no mercado de traballo. Así mesmo, a mesma Xunta de Galiza actúa cos seus proprios funcionarios ao contrario do que anuncia querer promover na sociedade: así o mostra os conflitos na sanidade, na educación ou a continua externalización de servizos por meio de empresas ou consorcios públicos.
A nível europeu, o proxecto do capital que representa a UE segue a dar mostras de querer rematar coa protección social ou o que fique de servizos públicos. Todo isto conectado tamén coa outra face da moeda, o imperialismo: a UE está negociando acordos rexionais de asociación económica (EPA) con países pobres, concretamente con 77 países que foron enclaves coloniais europeos en Africa, Caribe e Pacífico (ACP); e nas suas propostas de acordos comerciais, exixe os países do Sul que abran os seus mercados a empresas europeas, ameazando así empregos, industrias e servizos públicos.
Neste Dia Internacional da clase traballadora, reafirmamos que Isca! non ten unha visión interclasista da Galiza que negue a realidade da loita de clases no noso país. A nosa precariedade é o resultado da dependencia nacional mais tamén da procura de maior gaño económico por parte da clase empresarial. Por tanto, desde a mocidade organizada en Isca!, animamos a mocidade traballadora galega a a dar pasos adiante contra o capitalismo organizándose socialmente, e reivindicando os seus direitos laborais desde o sindicalismo nacionalista e de clase, na Confederación Intersindical Galega, para continuar avanzando cara a xustiza social e a soberanía nacional de Galiza.
Organízate e loita!