O 12 de xaneiro terá lugar na cidade de Compostela a 4ª Asemblea Nacional da nosa organización. Baixo o lema “Semente de revolución”, a militancia de Isca! reunirase para escoller a súa nova Mesa Nacional e debater uns documentos centrados en diferentes aspectos políticos e organizativos, co fin de marcar un novo ponto de inflexión na nosa consolidación e medre como ferramenta revolucionaria para a mocidade galega. Ademais de valorarmos o traballo desenvolvido no período interasemblear, analizaremos a actual situación de crise económica, social e política e as respostas que cómpre achegar desde unha organización como a nosa. Así, analizaremos a necesidade e o papel de Isca! neste contexto, ademais do traballo a desenvolver nos diferentes campos en que actuamos, desde o movemento estudantil até o sindicalismo de clase, pasando polo activismo feminista, en defensa da terra ou no asociacionismo cultural. O obxectivo é elaborar colectivamente as análises que nos permitan impulsar máis eficazmente o movemento popular de base a todos os niveis, poñéndoo en relación co noso proxecto independentista e anticapitalista.
Apostaremos tamén de novo pola vixencia e a necesidade dunha fronte ampla, unitaria e plural do nacionalismo de esquerda como a que o BNG representa, contribuindo desde as nosas posicións ao debate no que está inmerso de cara a consolidalo como referente de todo o soberanismo e independentismo na nosa nación, pois entendemos que a unidade de acción de quen aposta pola liberación nacional e social é hoxe máis precisa que nunca.
Ademais, analizaremos as medidas organizativas que cómpren para mellorar a nosa capacidade de intervención política, e renovaremos o noso compromiso coa nosa organización política de referencia, o Movemento Galego ao Socialismo, de cara a seguirmos a expandir no seo do nacionalismo e do movemento popular un espazo político de clase, nidiamente comunista e independentista, que traballe con humildade mais con firmeza no discurso e na praxe.
O acto de clausura será aberto a quen quixer asistir, e terá lugar ás 19:00h no salón de actos do Colexio Maior San Clemente (Praza Rodríguez Cadarso, Campus Sur, Compostela).