IV Asemblea Nacional: novos folgos para seguir loitando

Sob o lema “Semente de revolución” tivo lugar o pasado sábado 12 de xaneiro en Compostela a nosa IV Asemblea nacional. Por volta das dez da maña deu comezo o debate do regulamento, seguido da posta en común do informe de xestión, no que se analizaron criticamente os puntos fortes e débiles da nosa andaina no pasado período interasemblear, buscando así detectar as eivas a corrixir nesta nova xeira. A media mañá comezamos co relatorio político, cuxo debate se alongou até despois de xantar. Finalmente, a media tarde rematamos de debater a nosa tese organizativa e demos paso á posta en común das resolucións e á escolla da nova Mesa Nacional.

Cara as sete da tarde e co canto da Internacional deu comezo o acto aberto de clausura, no que en primeiro lugar saudamos as organizacións convidadas que quixeron acompañarnos (Liga Estudantil Galega, CIG, AGAL, A Mesa, Galiza Nova, Adiante, C.S. En Pé, A.C. Cultura do País, Asociación de Solidariedade Galego Cubana Francisco Villamil e BNG), e a quen agradecemos novamente a súa presenza, así como a quen non puido estar presente pero nos enviou un saúdo (Gentalha do Pichel, Revira, Colectivo Terra e SSGG). A continuación, demos lectura aos saúdos solidarios de organizacións xuvenís doutros pobos (Inekaren, de Canarias, Jaleo!!! de Andalucía e a mocidade da esquerda abertzale de Euskal Herria). Logo demos lectura ás resolucións aprobadas en denuncia de diversas problemáticas e en apoio a diferentes loitas e reivindicacións, e apresentouse a composición da nova Mesa Nacional, formada por Macías López, Breixo Lousada, Beatriz Fariñas, Anxo Sánchez e Noa Presas, a quen se sumarán as persoas que sexan escollidas como responsábeis de zona e das comisións sectoriais. Finalmente, logo de proxectarmos un vídeo que recolle o noso traballo neste último período,  no acto político interviron Rafa Vilar, en nome da mesa nacional do Movemento Galego ao Socialismo, e Breixo Lousada, en representación da Mesa Nacional de Isca!.

Nun contexto como este faise especialmente necesario dispor de organizacións que confronten con un sistema cada vez máis agresivo coas clases populares. O papel de Isca! será o de seguir a xuntar mocidade en coordenadas revolucionarias e independentistas, tecendo resistencias en todos os ámbitos e articulando un proxecto de transformación que camiñe cara a ruptura con España e a construción do socialismo.

Os documentos aprobados inciden niso, actualizando a nosa definición ideolóxica en consonancia con esa realidade e apostando por mellorar a nosa actuación nos diversos espazos de intervención social que están chamados a articular a resposta social que faga caer este sistema: desde o movemento estudantil até o sindicalismo de clase, pasando polo activismo feminista, en defensa da terra ou todos aqueles espazos de loita onde a mocidade debe xogar un papel protagonista. Igualmente, reforzando a ferramenta unitaria representada polo BNG, co fin de afortalalo como referencia política unitária de quen aspire á liberación nacional desde posturas de esquerda, hoxe máis chamadas que nunca a unir forzas.

Nun contexto onde se fomenta cada vez máis a desmobilización da mocidade, desde Isca! afrontamos con ilusión e fortaleza o novo período interasemblear, onde procuraremos fortalecernos como ferramenta de axitación social e transformación da realidade para facer fronte á ofensiva do capitalismo e do españolismo e tecer alternativas que nos permitan avanzar cara á independencia nacional e o socialismo.

>Galería de imaxes da IV Asemblea Nacional

>Vídeo proxectado na clausura

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario