Neste 25 de novembro as mozas e mozos voltamos saír as rúas exixir o fin da violencia machista contra as mulleres e reclamar das administracións o máximo esforzo material e económico para erradicar eses comportamentos e as súas consecuencias na nosa sociedade.
Un ano máis a data serve como punto de encontro, espazo de reivindicación, momento de visibilizar o traballo ao longo do ano e oportunidade para por a atención social e mediática na situación que viven miles de mulleres no noso país, no estado e no mundo, reclamando máis medios, máis formación, máis educación e tamén outro modelo de relacións sociais que impidan que xurdan este tipo de comportamentos.
E un ano máis esta data de reivindicación contra a violencia machista debe servir para cuestionar o modelo socio-económico que actúa como cómplice das conductas que a opresión sobre as mulleres e o sistema patriarcal que as alenta causa na sociedade. Unha sociedade máis xusta será unha sociedade antipatriarcal. Unha sociedade na que todas e todos teñamos garantido o acceso á vivenda, a educación, a sanidade, a un traballo digno, a un modelo de ocio alternativo será unha sociedade na que as mulleres teñan as mesmas oportunidades de acceder a un traballo digno, unha sociedade que non diferenciará salarialmente a homes e mulleres por un mesmo traballo, unha sociedade na que coresponsabilizarse do coidado das fillas non obrigará a escoller entre o traballo do home e a muller, unha sociedade na que a saúde das mulleres e o seu dereito a decidir libremente sobre os seus corpos e a levar a súa propia planificación familiar estarán garantidos.
Contra o machismo e a violencia estrutural da sociedade capitalista o feminismo e a xustiza social.
Dende Isca! reiteramos máis unha vez o noso compromiso no combate diario do machismo no camiño da superación do patriarcado para construirmos todas e todos xuntos unha sociedade máis xusta e sumamos a nosa voz á da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza que este 25 de novembro reivindica a posta en marcha de todas as ferramentas necesarias nos ámbitos da educación, a cultura, o ensino, a sanidade, a xustiza, as institucións políticas, as relixiosas, os medios de comunicación, a sociedade, etc…así como a optimización e a utilización de todas as ferramentas xa existentes, que faciliten que toda a sociedade sexa quen de arrincar as raíces que sustentan a violencia machista e parar xa e dunha vez por todas as agresións de todo tipo que sofren as mulleres e as nenas.
Actos da MMM na Galiza:
Ourense
Martes, 24 de Novembro
Concentración ás 20:30 hrs.
Praza do Ferro
A Coruña
Mércores, 25 de Novembro
Roteiro reivindicativo ás 18:00 hrs
Saída desde a Praza Pontevedra con lectura de comunicado no Obelisco
Vigo
Mércores, 25 de Novembro
Manifestación ás 20:00 hrs.
Desde a rúa do Príncipe (Diante do MARCO)
Compostela
Mércores, 25 de Novembro
Concentración ás 20:30 hrs.
Praza do Toural
Ferrolterra
Mércores, 25 de Novembro
Concentración ás 20:00 hrs.
Praza do Ameneiral (Praza Verde) de Perlío-Fene
Pontevedra
Mércores, 25 de Novembro
Concentración ás 20:30 hrs.
Praza 8 de Marzo
Galiza Nova Ourense tamén programou unha axenda completa de actos relacionados co 25 de Novembro.