Lumes nunca máis! Defender o monte é defender Galiza.

nuncamaislumes.jpgA nosa organización estivo presente nas concentracións que tiveron lugar onte en diversas cidades e vilas galegas para esixir responsabilidades políticas polos lumes nos nosos montes, especialmente o brutal incendio que aínda hoxe consome parte do parque natural das fragas do Eume. Así mesmo, elaboramos e difundimos propaganda en diferentes lugares do país denunciando esta desfeita ambiental.

A seguir reproducimos o comunicado feito público polo Movemento Galego ao Socialismo, que facemos propio:

Defender o noso monte é defender Galiza

Que un país coa riqueza forestal de Galiza non conte cun plano serio de loita contra o lume, que inclúa fundamentalmente labores de prevención e a posta en valor do noso monte, é un claro reflexo do papel dependente (e colonial) que se lle reserva á nosa nación. E isto non é un recurso á consigna fácil senón que basta constatar o que ocorre cos nosos ríos, dedicados en exclusiva á explotación para produción eléctrica; a nosa costa onde se eliminan trabas á construcción e ás actividades económicas agresivas; a extensión de licenzas de minas a ceo aberto en espazos protexidos como o Courel ou as Fragas do Eume; a política forestal e a eucaliptización do noso monte; a especulación urbanística ou a extensión dos parques eólicos moito mais alá do razoábel. Todo isto supón unha característica definitoria da forma en que se insire a Galiza no capitalismo europeo e estatal, cunha poderosa compoñente de fornecedora de recursos naturais que buscan o benefício económico para as grandes empresas sen ter en conta a sustentabilidade do noso medio natural nin o benestar da persoas.

Igualmente, o abandono do rural tampouco é froito dun mal endémico senón outra consecuencia provocada pola planificada desmontaxe do sector primario galego a mans do Estado e da Unión Europea, deixando milleiros de explotacións agrarias e gandeiras sen futuro, o que provocou entre outras cuestións o empioramento dos servizos e a calidade de vida, o envellecemento da poboación e como consecuencia o abandono e degradación do monte.

No caso particular do monte galego queren facer pasar o lume por unha doenza, unha desgraza inevitábel que nos golpea e que temos que sobrelevar como mellor podamos até que pasa. E a partir de aí, asumir a progresiva perda forestal como se for un rasgo da normalidade. Que cada ano asistamos á queima criminal de milleiros de hectáreas e que o goberno do Partido Popular non fixese outra cousa que recurtar drasticamente os recursos para a prevención -en 20 millóns de euros- e en extinción -7 millóns de euros- non é só froito dunha mala xestión, senón que responde a ese deseño dependente onde a xestión responsábel e a sustentabilidade dos recursos está ausente. O BNG e a CIG levan tempo denunciando estos recortes, a redución do persoal das brigadas e que practicamente se eliminasen as rozas e os labores de prevención, así como chamando a atención sobre os intereses económicos que dependen do lume.

Nese permanente desleixo agora tocoulle ás Fragas do Eume, un dos mellores exemplos de bosque atlántico da Europa, o que non é outra cousa que ser un reduto de biodiversidade frente ao monocultivo do eucalipto que degrada e empobrece os nosos ecosistemas. Este ano xa levamos varios milleiros de hectáreas carbonizadas no Xurés, no Courel, na Limia, … e non serve acusar a pirómanos nen ao tempo. Resulta curioso que neste caso fose no lugar onde se proxectaba unha polémica mina de andalucita onde se orixinou o lume.

Aqueles que defendemos un futuro diferente para Galiza, en liberdade e en pé de igualdade co resto de pobos do mundo, e onde as atividades económicas, dirixidas en función dos intereses das clases populares, sexan sustentábeis e respeitosas co ambiente temos a obriga de denunciar esta nova agresión ao noso medio e sinalar aos responsábeis políticos. Porque defender o noso monte é defender Galiza.

 monte1.jpg

monte2.jpg

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario