Máis de 150 estudantes abandonan os Comités e poñen en marcha unha nova organización estudantil nacionalista e de esquerdas

O pasado sábado 26 de febreiro marcou un importante punto de inflexión no movemento estudantil galego. Nesta data, en que estaba fixada a Asemblea Nacional dos Comités, fíxose público un documento asinado pola maioría de membros da organización en que denunciaban toda unha serie de irregularidades por parte da minoría que controlaba os organismos de dirección, control que tentou manter por todos os medios e con prácticas ilexítimas e mesmo ilegais. Por isto, considerando a ilexitimidade desta Asemblea Nacional, os estudantes anunciaban a súa marcha dos Comités, e dous días despois o impulso dun proceso que culminará o 26 de marzo coa creación dunha nova organización política nucleada arredor da defensa dun ensino público, galego, democrático, de calidade e non patriarcal, e dos principios da esquerda transformadora e do nacionalismo soberanista.

Podes ler aqui o comunicado en que se informa da marcha dos Comités. Así mesmo, a continuación reproducimos o comunicado que anuncia a creación da nova organización do estudantado e se enumeran cales serán seus principios básicos:

 

As e os estudantes que o pasado 26 de febreiro abandonamos os Comités non o fixemos para marcharmos para casa nin para pórmos fin ao necesario traballo en todos os eidos do ensino de Galiza para loitar polos nosos dereitos e facer medrar a consciencia nacional e as reivindicacións que diso se derivan entre os nosos compañeiros e compañeiras. Se o fixemos foi coa firme convición de que o estudantado galego precisa, hoxe máis ca nunca, unha ferramenta acaída para continuar na loita por un sistema educativo galego, público, democrático e de calidade. Esta ferramenta é a que cómpre crear entre todas as persoas que viñemos participando dun proxecto organizativo hoxe esgotado.

Por iso, anunciamos a convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte da nova organización do estudantado galego para o vindeiro 26 de marzo de 2011 en Santiago de Compostela. Nesta Asemblea poremos a andar unha nova organización que, partindo duns puntos programáticos básicos, loitará pola consecución dun ensino mellor nunha Galiza máis xusta e máis libre. Os principios desta nova organización serán:

* Un ensino galego, orientado ás realidades do país e fondamente comprometido con este. Un ensino que teña como lingua vehicular básica a que nos é propia, o galego.
* Un ensino democrático, no que o estudantado teña voz e voto real na toma de decisións que afectan ao noso futuro.
* Un ensino de calidade, que poida fornecer o noso país dos mellores profesionais no día de mañá.
* Un ensino público, que rexeite calquera intervención de capital privado, capital orientado sempre á consecución de lucro e non á correcta formación.
* Un ensino non patriarcal, que contribúa a pór fin á desigualdade entre homes e mulleres na sociedade e baseado en valores feministas.
* Esquerda transformadora: entendemos que os puntos anteriores só son posíbeis no marco dunha sociedade máis xusta onde a explotación das maiorías sociais teña desaparecido e onde esas maiorías sociais sexan o suxeito político.
* Nacionalismo soberanista: entendemos que moitas das eivas que padece Galiza, tamén no ensino, se derivan dunha falta de soberanía e da dependencia política, económica e cultural a respecto do Estado español que entendemos lesiva para o noso desenvolvemento. Defendemos o dereito de autodeterminación e a plena soberanía para o noso país.

Por último, cómpre salientar o noso desexo de situármonos completamente fóra das loitas internas que o nacionalismo sofre noutros eidos. Somos un conxunto de estudantes que teñen como punto de unión os principios antes expostos, superadores das dinámicas doutras organizacións coma os Comités ou o Movemento Estudantil Universitario (MEU). Os motivos para crear esta nova organización veñen dados polos últimos sucesos no movemento estudantil, e non obedecen a ningunha influencia externa a estes. O noso propio camiño na procura dun ensino e unha Galiza mellores comeza aquí.

Galiza, 28 de febreiro de 2011

 

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario