Manifestación antitouradas en Pontevedra

Máis un ano, Pontevedra terá unha mobilización popular de resposta ao sanguento espectáculo das touradas, apoiada por diversas organización, entre elas a nosa. Será o sabado 11 de agosto ás 20 h desde a Praza da Peregrina. A seguir reproducimos o manifesto de “Touradas fora de Pontevedra”:

As touradas están baseadas na tortura, a dor e o ensañamento co touro. Transmiten valores negativos, como o uso inxustificado da violencia, o desprezo cara os dereitos dos animais, o goce coa tortura e o maltrato animal.
As tradicións deben funcionar como soporte do que nos define e constrúe, mais tamén do que esperamos no futuro. Aquelas que están sustentadas na violencia e no aniquilamento non fan máis que perpetuar comportamentos que deben ser rexeitados da sociedade.

Ademais, para os galegos e as galegas, as touradas non teñen nada que ver coa nosa historia nen coa nosa cultura, chea de tradicións populares que esmorecen e que si son dignas de recuperación.
Segundo diversas enquisas, o 90% consideramos que a tortura dos animais como diversión debe ser suprimida, e a inmensa maioría da poboación nunca asistimos nen asistiremos a unha corrida de touros.
As tempadas taurinas, as escolas e as ganderías son financiadas con diñeiro público que tamén pagamos as galegas e os galegos que somos os que menos interese temos en todo o estado.
Por todo isto demandamos:

1. Ao goberno do estado que faga os cambios lexislativos necesarios para a abolición das touradas e a paralización da súa promoción e subvención con diñeiro público que en plena crise ascende a 600 millóns de euros.

2. A Deputación de Pontevedra que as deixe de subvencionar directa
ou de forma encueberta (60.000 euros recoñecidos)

3. Que o Parlamento de Galiza modifique a “Lei 1/1993 de Protección de Animais Domésticos ou Salvaxes en Cautividade” que exclúe no seu artigo 5º as touradas, para que prohíba estas actividades.

4. Ao Concello, o cese do uso de espazos públicos para a promoción das touradas, así como a declaración de Pontevedra como “Cidade Antitouradas e amiga dos Animais”.

5. A reconversión da Praza de Touros nun Coliseu para espectáculos culturais e concertos.

A abolición das touradas non é unha utopía como demostran os exemplos de Catalunya e Canarias.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario