Galiza con Palestina

A actual intervención do exército israelí na franxa de Gaza non é máis que a continuación da política de exterminio do pobo palestino que o sionismo ven practicando dende que logrou que o peor imperialismo europeo e norteamericano inventara o Estado de Israel. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e bárbara, unha auténtica matanza, contra a poboación civil, e contra as súas organizacións de resistencia.

Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas. Esta é unha agresión militar por parte dun estado IMPERIALISTA armado e financiado por Norteamérica e Europa, que conta cun poderosísimo exercito e ataca por terra, mar e aire a un pobo sen outra defensa que o heroísmo e sacrificio dos seus mal armados milicianos, e que nin sequera ten a posibilidade de fuxir.

Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas tamén, cóntanse por miles, entre as mortes e as persoas feridas. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.

Trátase, xa que logo, dun auténtico masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto pola poboación máis indefensa, as persoas anciáns, nenas e nenos, mesmo cooperantes internacionais. Tampouco respectan nin as mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.

O exército e o goberno israelí, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións militares actuais son resposta ao lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza. Menten coma sempre!!! ¿non sabemos que Israel rompe as treguas sistematicamente? ¿acaso non coñecemos a política de asasinatos selectivos das persoas dirixentes palestinas, practicada por Israel nos últimos anos? ¿De destrución das vivendas e das súas familias?

Xa coñecemos que tipo de loita é, balas contra pedras, tanques e mísiles contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios palestinos, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.

Son centos e miles : as palestinas e os palestinos asasinados; as presas e os presos; as torturadas e os torturados nas cadeas israelís; as mortes como consecuencia do bloqueo, as persoas que a diario son vexadas e inspeccionadas.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas. O estado de Israel non ten credibilidade algunha.É probablemente o estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan menos persoas no mundo que podan crer as mentiras israelís. Indigna pensar que a brutal ofensiva militar israelí actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortes por votos fai que abominemos aínda máis do sionismo e das súas prácticas.

Esiximos das institucións da comunidade internacional, da UE e do Estado Español que obriguen a Israel a deter o masacre, a cesar inmediatamente todos os ataques e bombardeos sobre os territorios e a poboación palestina, a propiciar un alto o fogo inmediato e a levantar o bloqueo de Gaza abrindo todos os pasos internacionais para que poida chegar axuda urxente aos homes e mulleres da castigada Franxa de Gaza.

O pobo galego está co pobo palestino, apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio, a elixir libremente a súa representación e que esta sexa recoñecida pola comunidade internacional, incluído Hamás, e finalmente, apoia o regreso das persoas palestinas refuxiadas aos seus fogares.

O estado español, a UE, a comunidade internacional no seu conxunto, ata agora cómplices do sionismo ou pasivos ante a traxedia palestina, teñen a obriga moral e política de impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza, con medidas de boicot comercial, con ruptura inmediata das relacións diplomáticas e coa expulsión da embaixada sionista. Desde logo, non podemos seguir a tolerar que Israel ocupe territorios, masacre á poboación civil palestina; non podemos tolerar que se siga comprando e vendendo armas aos sionistas como está a facer España e outros estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.

Galiza enteira reclama a persecución xurídica nos tribunais internacionais dos criminais israelís, civís e militares, responsables desta matanza indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.

E esiximos ademais:

• Que se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.
• Que a Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.
• Que se declaren á embaixada e o Goberno Israelí non gratos en todo o territorio galego no seu conxunto; e concello por concello,
• E que os medios de comunicación e a prensa internacional informen con imparcialidade e non a favor do sionismo .

¡ALTO A AGRESIÓN!

¡VIVA O POBO PALESTINO!

¡VIVA PALESTINA!

Organizacións Convocantes ( Por orde alfabética)

ACSUR – Galiza
Adiante
AGARB
A Gentalha do Pichel
AGIR
Alternativa dos veciños de Oleiros
AMC
Arraianos
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Cambre, Pobo Solidario
Asociación Cultural O Galo
Asociación de Mulleres Espadela de Cercedo
Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” (Pontevedra)
Asociación Francisco Villamil
Asociación Galaico Árabe Jenin
Asociación Veciñal A Xuntanza
Asociación Veciñal de Esteiro Fontelonga (FERROL)
AXEMPOL
Assembleia Aberta do Local Social Baiuca Vermelha
Aturuxo
BNG
BRIGA
CC.OO de Galicia
Ciberirmandade
CIG
CIMO- Castelao
CNT
Colectivo dos Mozos Comunistas
Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña
Comités Abertos
Comité de Defensa das Rías Altas
Concello de Oleiros
Coordinadora do Barrio de Vite – Compostela
Coordinadora de Crentes Galegos
Coordinadora Galega de ONGDs
Coordinadora Galega pola Paz
Corrente Vermella
COSAL
COSAL – Galiza
C.S. Henriqueta Outeiro
CUT
DSI
Encontro Irmandiño
Esculca
Esquerda Unida
Foro Galego de Inmigración
FPG
Fuco Buxán
Fundación Araguaney
Fundación Galiza Sempre
Galiza Nova
Galiza por Palestina
Iniciativa polos Dereitos Humanos
Isca!
Judíos Antisionístas de Espanya
Marcha Mundial das Mulheres
Médicos do Mundo
A Mesa pola Normalización lingüística
Movemento pola Base
Mulheres Nacionalistas Galegas
Mundo Sen Guerras
Nós – Unidade Popular
OSPAAAL-GALICIA
Partido Comunista dos Pobos de España
PCG
PCPG
Partido Humanista de Galicia
Pen Clube de Galicia
Plataforma Alternativa Pola Esquerda
Primeira Linha
Redes Escarlata
Seminario Galego de Educación para a Paz
Sindicato de Estudantes
Sindicato Labrego Galego
Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza
Socialismo Libertario
Solidariedade Internacional
UXT Galicia
Viraventos
Xustiza e Sociedade

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario