Margot Feist: a ‘bruxa’ que non pediu perdón

O pasado venres deixou o mundo una muller esquecida por unha esquerda amnésica. Margot Feist morreu en Chile, após 25 anos de exilio, á idade de 89 anos. Criada nunha familia obreira e cuns pais detidos en campos de concentración nazis, na súa mocidade comprometeuse coa loita antifascista e posteriormente na construcción da República Democrática Alemá. Con tan só 22 anos Margot chegou á Cámara Popular (converténdose na parlamentaria máis nova da RDA); mais foi 14 anos despois cando asumíu a dirección do Ministerio de Educación Popular, demostrando ser posuidora dunha mente brillante e dunha magnífica capacidade de xestión.

Herdeira dun sistema educativo pobre e desmantelado durante a guerra, levou a cabo a construcción da nova escola. Esto foi literal en moitos casos, xa que foi necesario desde formar a unha nova xeración de docentes comprometidos co humanismo e a democracia até reconstruir os edificios derrubados. O resultado final foi un ensino unificado e científico, estreitamente relacionado coa vida.

Para eliminar a desigualdade de oportunidades instaurada no período nacional-socialista, na que a clase á que pertencía a familia determinaba unhas opcións de estudo que sempre se dirixían á poboación urbana, Margot confía nas escola unitarias con grande presenza no rural. Isto non ficou só nun garante do acceso á educación se non que implicou a escolarización obrigatoria de 8 anos primeiro, e posteriormente de 10, de todas as crianzas, facendo fincapé nas discapacitadas físicas ou psíquicas, que recibiron unha educación adaptada as súas necesidades.

Ao remate desta etapa ofrecíase o acceso a un sistema de formación profesional multidisciplinario e gratuito, onde en 2 ou 3 anos se formaba ao estudante en colaboración con empresas ou comunas para aprender unha profesión de obreiro cualificado. Todo estudante ao rematar a súa formación profesional ou universitaria obtiña un posto de traballo, mas de querer seguir formándose, podían continuar co perfeccionamento en escolas de especialidades superiores.

A RDA apostou forte pola cultura, fomentando sempre os clubes, museos, teatros e concertos dirixidos ao ocio de distintos públicos. Defensora do aborto libre e gratuito (instaurado en 1972 na RDA), foi tamén unha persoa adiantada ao seu tempo e comprometida coa loita da muller pola emancipación. Traballou por facilitar a conciliación laboral-familiar coa apertura de casas berce e xardíns de infancia gratuitos desde os 3 aos 6 anos, fomentando sempre os vínculos escola-fogar. Ofreceu tamén ás mulleres a opción de continuar a súa formación en escolas superiores populares e cursos dirixidos especialmente a elas, con horarios e condicións cómodas para adaptalas á súa rutina diaria. O obxetivo deste ambicioso plan de educación foi potenciar os talentos e aptitudes de cada individuo, fomentando a cooperación no lugar da competición.

Alén diso, tivo unha gran implicación na promoción da política de dereitos da comunidade LGTBI na RDA, publicando materiais didácticos destinados a promover a tolerancia e a diversidade sexual e acadando en 1968 a despenalización da homosexualidade.

O éxito acadado é innegable, e no seu tempo foi recoñecido coa concesión da Orde ao Mérito pola Patria de Ouro e dúas Ordes de Karl Marx, é por iso que sorprende que unha das mulleres máis influintes do seu tempo sexa soamente recordada como a muller de Erich Honecker.

A demonización que sufriu a mans dunha esquerda acomplexada após a queda do bloque socialista foi, se cabe, mais cruel que a que sufriu a súa parella. Alcumada de “bruxa lilá” ou “dama de ferro”, tivo que se exiliar até a súa morte por non renegar nunca das ideas do socialismo e da experiencia que representou a República Democrática Alemá.

Foi acollida en Chile, país que recoñeceu e soubo agradecer a sua implicación no campo internacionalista, no que traballou xunto ao goberno da RDA na acollida de milleiros de perseguidos políticos pola salvaxe dictadura de Pinochet (1973-1990) o cal contaba co apoio do goberno dos Estados Unidos ou da mesma Margaret Thatcher.

Muller solidaria durante toda a súa vida seguiu traballando no exilio pola liberación de diversos pobos de Asia e América Latina. Recibiu en 2008 a Orde da Independencia Cultural Rubén Darío polo apoio á cruzada Nacional de Alfabetización de Nicaragua.

Conservou até o último momento unha mente lúcida, coa que se reafirmaba día tras día na vixencia do seu pensamento, categorizando recentemente a caída do muro como “o maior erro político da historia”.

O certo é que a RDA foi o estado europeo máis avanzado en cuestión de educación e xénero, e a muller que xogou por construir o novo estado científico e social morreu esquecida, borrada da historia, relegada a ser a primeira dama, a sombra do seu marido.

Desde a nosa perspectiva actual fronte a LOMCE e as dificultades ás que se enfronta a mocidade para se incorporar ao mundo laboral, é preciso devolverlle a Margot Feist o lugar que merece na historia e seguir o seu exemplo loitando para forxar un mundo libre e sen explotación.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario