Masiva resposta popular contra o decreto galegófobo. A loita continúa!

p1210103.JPG

As novas agresións á lingua non van ficar impunes. O movemento popular deu hoxe unha máis que contundente resposta ao lingüicida Decreto do PP, que quer acelerar o proceso de substitución do galego. Tratouse dunha mobilización de masas unidas pola defensa da lingua propia e a carraxe ante tantas ignominias.Sen entrar na tópica guerra de cifras, é indiscutíbel que varias ducias de milleiros de persoas colapsaron as rúas de Compostela nun día laborábel, no marco dunha folga xeral no ensino público que tamén contou cun seguemento masivo (do 90 por cento segundo fontes sindicais) que a Consellería de Educación se apresurou a menosprezar.

A marcha desenvolveuse polo percorrido habitual das manifestacións nacionais, cunhas rúas ateigadas de xente e con grande presenza de xente nova, en particular estudantes de ensino medio desprazados desde as distintas comarcas do país. Si variou o lugar de remate, xa que, como estaba anunciado desde o día anterior, escolleuse o Obradoiro para poder acoller a toda a maré humana mobilizada de xeito simultáneo (o que nin sequera foi finalmente posíbel, xa que esta praza xa estaba case chea cando non arrancara a cola da manifestación).

p1210055.JPG

As e os manifestantes portaron unha grande diversidade de pancartas e lemas, que reflectían á súa vez o amplo e plural espectro de convocantes, desde organizacións sindicais e estudantís até forzas políticas, asociacións xuvenís, culturais, ecoloxistas, as Escolas de Idiomas e outros colectivos.

O Movemento Galego ao Socialismo e Isca! xuntaron a súa voz á de milleiros de manifestantes para esixir do goberno que paralice o decretazo que quer recurtar a xa raquítica presenza do galego no ensino, coa excusa dun falso “plurilingüismo” e mesmo da “liberdade”, en cuxo nome se quere cometer un novo crime contra unha lingua.

Ademais, Isca! editou un novo Rebater e distribuiu masivamente un autocolante no que anima a identificar e combater as ameazas e retos que representa o actual goberno da dereita e o españolismo.
feijoo.png

A manifestación non foi o único acto que se desenvolveu no país, xa que tamén se celebraron outras mobilizacións en localidades como Lugo, Vigo, A Coruña, Ferrol, Verín, Ribadavia ou Vilalba, entre outras.

Mentres milleiros de galegas e galegos exercían a dignidade nas rúas, o presidente da Xunta aseguraba, nun discurso risíbel, que a protesta amparábase nunha inimaxinábel “coacción” nos centros de ensino, para negar así a contundente revitalización da mobilización en prol da normalización e facer ouvidos xordos a un clamor unánime da comunidade educativa, e do resto da sociedade, contra as súas políticas galegofóbicas. Máis ben ao contrario, foron os resortes institucionais do PP os que tentaron coaccionar, con fondos públicos, en contra da protesta: co envío de correos electrónicos aos profesores para desmobilizar, coa criminalizacións dos convocantes e coa manipulación da televisión pública reiterada no día de hoxe.

Contra o que vén argumentando o goberno, entendemos que esta mobilización non é de carácter “preventivo”, senón ao contrario: é a reacción á demolición programada, e xa en curso, da nosa lingua. Sobran xa moitas decisións aberrantes deste goberno, pero é difícil pensar nun exemplo mellor que nas declaracións do propio conselleiro de (In?)Cultura o día anterior, nas que conceptualizaba o noso idioma como “un muro para o futuro”. Esta fronte de mobilización e intervención social non fixo senón comezar, sen esquecer que a situación previa (o actual Decreto en vigor) non é máis que un mínimo que debe ser sobrepasado e mellorado, no camiño de construir hexemonía para o galego. A loita continúa.

A seguir podes ver unha galeria de imaxes da participación de Isca! e do MGS na manifestación:

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario