[Mobilización na Coruña] Contra a ditadura da troika: independencia

No día de hoxe, luns día 22 de xullo, a partir das 21 horas terá lugar unha mobilización na Coruña baixo o lema Contra a ditadura da troika: independencia sendo a primeira iniciativa deste tipo que terá lugar na cidade herculina. Desde Isca! non podemos se non chamar a toda a mocidade a participar deste acto, incluído nunha serie que se veñen realizando como preparativos do Día da Patria, facendo do mesmo unha demostración unitaria e plural da necesidade da soberanía nacional e a independencia para ter futuro como pobo.

A continuación reproducimos o manifesto da convocatoria:

Contra a ditadura da troika: independencia

A escasos días dos festexos e das reivindicacións propias do Día da Patria, as persoas da Coruña comprometidas na loita contra o asoballamento e a españolización da Galiza decidimos xuntarnos para manifestar que na nosa cidade tamén nos rebelamos contra o capitalismo, o imperialismo e o heteropatriarcado, e encontramos na liberación nacional a solución máis congruente cos nosos intereses.

Este ano, con case 300 000 persoas no paro, 120 000 vivindo na pobreza extrema e decenas de mozas e mozos emigrando da Galiza a diario, observamos unha situación de retroceso preocupante e sen parangón tanto no plano dos dereitos civís e políticos, como no económico e social.

Entendemos que os mandatos da troika formada pola Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional só serven para agravar a situación de crise económica e social que vivimos, destruíndo desde os sectores produtivos do noso país (naval, agropecuario e pesqueiro) aos servizos básicos universais de sanidade e educación.

Denunciamos tamén o desmantelamento dos servizos ferroviarios de proximidade, así como dos centros de planeamento familiar, a supresión de leis e servizos en favor da igualdade, e a intromisión de poderes políticos machistas e submisos á Igrexa Católica na decisión que as mulleres tomen a respecto do seu corpo e da súa gravidez.

Rexeitamos a contra-reforma educativa da LOMCE e a españolización da educación: pulamos por un sistema educativo público, laico, coa igualdade de oportunidades entre todas e todos os alumnos como referencia de base, e na nosa lingua.

Por desprestixiar os colectivos sociais que realmente se preocupan de recuperar a nosa identidade e que diariamente traballan na defensa da lingua galega e a súa internacionalización, non acreditamos nunha RAG patriarcal, españolista e subxugada a unha Xunta de Galiza interesada en borrar de nós a historia e os costumes. Non acreditamos en ningún dos organismos da Xunta que din estar orientados á defensa e normalización da nosa lingua e da nosa cultura: dinnos que debemos ser bilingües, e promoven que a lingua galega, con séculos de historia e todas as palabras precisas para a comunicación cotiá ou artística, sexa un mero elemento de folclore do que lembrarnos un par de días ao ano.

Vivimos un momento de alarmante retroceso en materia de dereitos civís: mentres organismos economicidas deciden por nós, sen contar connosco, a lexítima defensa activa dos dereitos fundamentais á vivenda, ao traballo e á educación é criminalizada e penalizada polo Estado Español, sobre todo cando se trata de persoas que acreditan na emancipación nacional para xestionar con liberdade os nosos propios recursos. Manifestamos por iso a nosa solidariedade coas presas e cos presos políticos dispersados, que están sendo xulgados con medidas de excepción por seren independentistas.

Queren que pensemos que non temos dereito a ser un país porque somos só españolas con avoas que falan unha lingua que morre, mais nós comprometémonos a recuperar a lingua e o patrimonio etnográfico; e a construír unha comunidade que garanta a todas as cidadás a satisfacción das necesidades básicas de alimentación, vivenda, educación e coidados. Onde os hipotéticos dereitos dun embrión non se antepoñan aos das mulleres, que decidirán libremente se queren ser nais, cando queren selo e como organizarán a súa maternidade.

España e a Troika queren que a nosa nación deixe de existir, e nós loitamos para que renaza; e sobre un pasado de reino construiremos unha Galiza socialista e feminista.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario