Mobilizámonos contra o TTIP, o acordo definitivo contra os nosos dereitos

ttipO TTIP é o acordo soñado polos grupos empresariais máis grandes das dúas beiras do océano atlántico. O obxectivo que quere conseguir é a eliminación das normativas que afectan ás relacións entre empresas transnacionais que operan tanto nos EEUU como na Unión Europea disfrazando tal fin como un fortalecemento comercial. Os primeiros contactos entre a Comisión Europea e o goberno estadounidense, non confirmados até moito tempo despois, datan do ano 2011 e a partir dos cales se emprenderon unha serie de reunións cos representantes das redes empresariais máis potentes.

O TTIP non é só un acordo comercial tradicional centrado na redución duns aranceis sobre as importacións duns socios comerciais que xa son moi baixos e que apenas poderían reducirse máis. O principal obxectivo é eliminar aquelas normativas, aquelas regulamentacións que podan supor unha «traba» para os beneficios das empresas transnacionais. Isto implica, en esencia, a práctica eliminación de multitude de normativas en segredo para evitar no posíbel o debate e a resposta popular.

O acordo é un ataque de grande envergadura contra os dereitos sociais, laborais, ambientais e civís, xa de por si insuficientes na Unión Europea. Busca tamén crear novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos ás corporacións transnacionais, o que ameaza con privatizacións masivas na sanidade ou na educación. Mais unha das medidas máis preocupantes do TTIP é que pretende conceder a investidores estranxeiros o dereito a demandar os estados soberanos ante tribunais de arbitraxe privados, creados a tal efecto sen ningún tipo de garantías nin control, para reclamar perdas resultantes de decisións sobre política pública. Eleva o capital transnacional a un status equiparábel ao dun estado, con todo o que iso supón.

Mobilicémonos contra o acordo

Desde Isca! animamos a toda a mocidade a participar nas convocatorias feitas pola CIG en distintas cidades e vilas galegas coincidindo cunha xornada internacional contra este tratado o vindeiro sábado día 18.

  • A Coruña : 12:00 horas diante da Subdelegación do Goberno.
  • Ferrol: 12:00 horas horas na Praza do Himno.
  • Compostela : 11.30 horas na Praza de Galiza.
  • Lugo: 12:00 horas na Praza Maior.
  • Ourense: 11.30 horas diante da Subdelegación do Goberno.
  • Pontevedra : 20:00 horas na Praza da Peregrina.
  • Vilagarcía : 12:00 horas na Praza de Galiza
  • Vigo : Manifestación ás 20 horas, saída desde A Farola de Urzaiz.

.

>> O TTIP, o acordo soñado polo capital transnacional. Caderno de formación de Isca!

>> TTIP, un acordo transnacional contra todos os nosos dereitos. Artigo de Antolín Alcántara.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario