Na defensa do lobo, patrimonio natural galego

O pasado xoves día 3 de febreiro o lobo foi incluído na Lista de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que significa que a súa caza queda prohibida en todo o territorio do Estado. Consideramos que se trata dunha nova excelente, que contribuirá á necesaria conservación dunha especie que cumpre funcións moi importantes nos ecosistemas galegos.

Lamentamos así mesmo a postura contraria da Xunta respecto a esta decisión. A defensa da caza do lobo non se xustifica na existencia de datos ou estudos científicos e oficiais sobre o seu estado de conservación, nin tampouco sobre o seu impacto económico nas actividades gandeiras. Tales datos apenas existen no noso país, unha mostra máis do desleixo do goberno Feijóo en todo o que afecta ao mundo rural.

A única intención da Xunta é alimentar os prexuízos negativos que existen cara ao lobo co fin de sacarlles rédito político. Porén, ao mesmo tempo, desatende as súas obrigas coas gandeiras. As axudas e compensacións que reciben polos ataques do lobo -menos frecuentes e relevantes do que adoita crerse- son miserables e apenas cobren as perdas producidas.

Desde Isca! queremos afastarnos das actitudes demagóxicas demostradas polo Partido Popular de Galicia a respecto desta problemática. A literatura científica sobre a conservación do lobo demostra ás claras que a caza non só é unha solución ineficaz, senón incluso contraproducente. Existen numerosos casos rexistrados en que a caza conduce a un incremento dos ataques sobre o gando, debido a que os lobos que sobreviven perden capacidade para depredar especies salvaxes e buscan presas máis accesibles.

Existen medidas alternativas, compatibles coa conservación do lobo, e cuxa aplicación deu resultados máis satisfactorios que a actividade cinexética. Entre elas compre salientar as seguintes:

Protección do gando mediante a vixilancia con mastíns.

– Construción de cercados e valados eléctricos ao redor das leiras.

Estabular o gando durante as horas de noite nas explotacións de réxime extensivo.

– Aumento nas contías das indemnizacións por danos, vinculadas sempre á adopción das citadas medidas de protección. Tamén deben modificarse aspectos relacionados cos trámites administrativos necesarios para recibir os pagos por dano, a fin de facelos máis áxiles.

Os verdadeiros inimigos das nosas labregas, os que de verdade ameazan a supervivencia e o futuro do noso sector primario non son os lobos nin nigunha outra especie salvaxe. Son os incendios, a eucaliptización, a crise demográfica, a falta de coidados en explotacións abandonadas e o minifundismo. O goberno de Feijóo faría ben en atender estas problemáticas no canto de fomentar, unha vez máis, políticas que contribúen a degradar o estado do noso patrimonio natural.

Partíllao!

Share on facebook
En Facebook
Share on twitter
En Twitter
Share on pinterest
En Pinterest
Share on whatsapp
Polo WhatsApp
Share on telegram
Ou polo Telegram
Share on email
Email

Deixa un comentario