Na rúa, todo os días, todo o ano, reclamando un futuro digno!

Ao longo da quinta-feira 11 de xullo, as mozas e mozos de Isca! penduramos diversas faixas reivindicativas en varias cidades do país reclamando o dereito a un futuro digno na nosa terra, tal e como exixe o lema da nosa campaña nacional que vimos espallando nas últimas semanas.

Así, con lemas sobre o desemprego, a emigración masiva ou a precariedade, problemas que sofre toda a clase traballadora mais especialmente as persoas máis novas, quixemos visibilizar a urxencia da loita social fronte ás mentiras que emanan desde o goberno español e desde a Xunta do Partido Popular, cuxa hipocrisía mantense no nivel máximo tamén no comezo do verán. Así, desde os organismos oficiais camúflanse os datos reais de paro coa ilusoria baixada da estación estival, cando ademais de ser unha baixada transitoria detrás deste fenómeno só se esconde a temporalidade e precarización da clase traballadora, en aumento grazas á cumplicidade destes gobernos coa oligarquía da Unión Europea. Precisamente desde o marco europeo anunciouse días atrás a inxección aos estados de contías destinadas a combater o desemprego xuvenil, teórica prioridade para a elite gobernante que, porén, demostra o contrario cos seus feitos e as súas políticas. Diante disto, desde as comarcas galegas, berrámoslle á Xunta, a Madrid e a Bruxelas que non nos cremos as súas mentiras, que sabemos que só é unha máscara na que agochar máuss ataques do capitalismo máis extremo.

É máis necesario ca nunca visibilizarmos o conflito, denunciar en cada recuncho do país e das nosas rúas o permanente estado de agresión ao que nos somete o poder. Por iso seguiremos a serlles incómodas cada día a cada un dos cómplices deste estado de cousas, recordándolle nas prazas e rúas polas que pase a vixencia da loita de clases e o papel activo e combativo que protagonizamos a mocidade rebelde, comunista e independentista.

Futuro digno na nosa terra!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario