NEN TRABALLO, NEN DEMOCRACIA. Paremos a deriva autoritaria e o estado policial.

O Estado de orixen liberal-burguesa despréndese de todo verniz democrático e comeza a aplicar duras medidas represivas contra a contestación social aos recortes e loitas obreiras e reivindicativas, cada vez mais agudizadas. Trátase de disciplinar á clase traballadora e eliminar obstáculos aos plans dos oligopolios no proceso de concentración e centralización do capital para garantir as súas taxas de beneficio, nun contexto de crise sistémica onde a transferencia de rendas do traballo a rendas do capital se produce a un ritmo cada vez mais acusado. Tamén, nun momento de redefinición do papel do estado para a oligarquía española, cada vez máis desprovisto de soberanía en favor do centro do bloque imperialista que é a UE, e do seu uso a conveniencia como aparello represivo e de transferencia de rendas: o gabinete de negocios dos capitalistas que nunca deixou de ser.

Con este pano de fondo, as diferentes forzas políticas sistémicas, ora competindo entre si como representantes das diferentes faccións burguesas, ora colaborando nos plans de disciplinamento da man de obra, modifican as lexislacións até o de agora vixentes de cara a garantir o absoluto dominio do capital sobre o traballo, construindo unha xa coñecida tipoloxía de estado de cariz policial e autoritario, moito máis agresivo. O momento histórico fai precisa unha resposta continua e contundente das forzas populares para deter este proceso autoritario e xerar as condicións para unha mudanza de sistema.

A coalición pro-sistémica e catalanista CiU, representante da pequena e mediana burguesía catalanas e leal servidora da oligarquía financeira, conseguiu aprobar unha moción no Congreso español que persegue acrescentar o estado policial reaccionario e supón un duro golpe aos dereitos de reunión, de manifestación, de libre circulación e atenta gravemente contra a liberdade de expresión. Isto, unido aos continuos abusos e impunidade policial, denunciadas unha e outra vez por colectivos sociais e organizacións internacionais de defensa dos dereitos humanos, xera as condicións para o acrescentamento da violencia estrutural do sistema e fai visíbel a ditadura do capital sobre o traballo.

Resumo dos principais pontos da moción aprobada:

– Novos límites para o dereito de reunión, a través da modificación da Lei Orgánica 9/1983.

– Incrementa a capacidade operativa das forzas represivas, o cal significará maior liberdade de actuación e, probabelmente, un aumento das partidas orzamentarias asignadas a tal efeito.

– Xera novas bases de dados para incrementar o control policial e seguemento de activistas, manifestantes e militantes das organizacións políticas e sociais.

– Modificación do código penal: tipifica un novo delicto, a “violencia urbana”, un auténtico caixón de xastre cuxa indefinición outorga ás forzas represivas a capacidade de detención en case calquera suposto.

– Cárcere provisoria para delictos de suposta “violencia urbana” en base a unha nova definición da alteración da orde pública e do delicto de atentado contra a autoridade.

– A resistencia pasiva equipárase coa resistencia activa á autoridade (se ben, esta última probabelmente pase a constituir un agravante). É dicer, agora poderán incluso enviarte de forma provisoria ao cárcere por non opor resistencia aos policías e non te moveres cando cho esixen ou te golpean.

– Liquidan a liberdade de expresión e dereito á información mediante a tipificación como delicto da difusión de manifestacións e concentracións por calquera medio (redes sociais, folletos…) cando estas non foren comunicadas ou deriven en enfrontamentos coa policía.

En resumidas contas, atopámonos claramente perante unha ofensiva reaccionaria e involutiva que pretende liquidar os xa de por si limitados dereitos civís conquistados pola clase traballadora ao longo dos anos. É un proceso simultáneo á perda de dereitos no ámbito do traballo, do aumento da represión tanto no ámbito interno dos centros de traballo como a nivel social, que se contradi coa continua desregulación e funcionamento desordeado e anárquico da economía no plano internacional, así como a desarticulación e perda de soberanía dos propios estados en favor dos centros do poder nos bloques imperialistas, obviando calquera mecanismo democrático ou pseudo-democrático existente até o de agora.

Agora mais do que nunca, faise necesaria unha resposta non só para deter as agresións do capitalismo nen para recuperar un estado-providencia que non existiu se non para calmar momentaneamente as necesidades de mudanza da clase traballadora, se non para establecer a necesidade urxente dun sistema por e para os traballadores, en base a unha loita onde a revolución democrática e a socialista foren simultáneas. Neste ponto de inflexión, non mobilizarnos nen denunciar a involución represiva convértese nunha sinal de complicidade cun sistema, o capitalismo, que supón a traba fundamental para o desenvolvemento económico, social e cultural da humanidade.

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario