A pasada semana fomos testemuñas de como un xurado popular exculpaba un asasino confeso, nunha sentenza de claro contido homófobo. Das nove persoas que conformaban o xurado, sete deron o seu voto en prol da absolución de Jacobo Piñeiro, quen confesou o asasinato de Isaac e Julio, movido, segundo as suas propias declaracións, polo medo a ser violado. Foi ese medo o que o exculpa de cada unha das 57 puñaladas que empregou para asasinar brutalmente a Isaac e a Julio. Finalmente, o xurado decidiu culpalo só do incendio que desatou en varios puntos da vivenda para ocultar as pegadas do crime, mais non sen dilacións: nunha primeira versión exculpábano tamén do propio incendio, ficando deste xeito libre de calquera cargo, mais finalmente decidiron imputarlle este último.
Non podemos deixar de analisar as fondas raigames homófobas que este caso saca á luz: o xurado non foi quen de castigar os feitos constatábeis e decidiu convertir as vítimas en verdugos, pois a absolución do asasino confeso non é outra cousa que a declaración de Isaac e Julio culpábeis: culpábeis de ser homosexuais, e por tanto, merecedores do terríbel asasinato.
Vivimos nunha sociedade fondamente homófoba, e son milleiros os casos que o amosan, mais a consciencia de que esa homofobia alcanza á xustiza fainos sentir impotentes e cheas de raiba, soas e sen instrumentos para nos defender das agresións, presenciando como, con impunidade, as víctimas son convertidas en verdugos, e viceversa.
Este non é un asunto relevante na axenda política, somos poucas as que nas rúas pedimos unha verdadeira xustiza, que faga honra ao seu nome e que castigue un crime no que existiu ensañamento e doses desmesuradas de violencia homófoba.
Non podemos esquecer o calado que esta inxusta setenza ten na nosa sociedade: semella aceptado por todas e todos, de xeito subconsciente, que calquera desviación do modelo patriarcal de sexualidade debe ser castigado polo grupo para garantir, deste xeito, a perpetuidade do mesmo. O desmesurado do crime non consigue afastar a idea principal: o castigo á desviación. Non podemos mais que rebelarnos contra esta concepción patriarcal da sexualidade, que precisa dun control social que se traduce nunha xustiza homófoba que criminaliza o que trascende a norma imposta. Nom ficara aqui a luita contra a lexitimación da violencia homófoba nos xulgados e pola criminalización da homofobia em tódolos ámbitos.
De Isca! animámosvos a participar na concentración que vai ter lugar este Sábado 7 de Marzo en Vigo, “Contra a sentenza homófoba e racista do xurado popular de Vigo” ás 20:00 horas na Porta do Sol.