Superarmos o proxecto do capital
Na Unión Europea, lonxe do pensamento único imposto, lonxe do consenso da paz e da prosperidade, do progreso e do benestar social, do acriticismo do réxime coas súas políticas, a realidade imponse mostrando unha historia ben distinta desde os seus inicios. Após as guerras que se deron na primeira metade do século XX no continente europeo era preciso garantir un futuro sen conflitos bélicos para permitir o desenvolvemento capitalista, era precisa a creación dunha área comercial que permitise a libre circulación de capitais, favorecese a súa concentración e, como engadido, frease os avanzos do campo socialista e do auxe dos partidos comunistas e obreiros no continente.
O que nuns primeiros momentos supuxo certas melloras nas condicións de vida da clase traballadora foi simplemente un mero espellismo froito da loita de clases nun contexto mais favorábel, e a chegada das crises, provocadas polas propias limitacións do sistema que non era quen de manter o ritmo de enriquecemento da minoría dirixente, xunto coa imposición do paradigma liberal, trouxeron constantes reducións de salarios e de gasto social. A solución da burguesía europea, co fin de manter ou aumentar as súas marxes de beneficio, foi unha maior explotación da clase traballadora, as privatizacións masivas, a erosión do estado social, as reformas radicais da lexislación laboral e a potenciación do mercado. A transferencia da riqueza das traballadoras ao capital.
A unidade monetaria non supuxo na práctica, como se anunciou, a aproximación dos salarios dos paises periféricos ao centro. Empobreceu ao conxunto da clase traballadora e representou a cesión da capacidade de decidir dos estados na economía, en beneficio do gran capital e os paises máis fortes.
A UE é ademais unha ferramenta en máis do imperialismo, constituíndo un bloque bélico e militarista en intima relación cos EEUU, nomeadamente a través da NATO, sendo aliados fundamentais en todos os conflitos recentes como na invasión de Afganistán ou Iraq, no apoio á ocupación sionista, nas agresións a Libia e Siria ou nas recentes desestabilizacións golpistas en Venezuela ou Ucrania.
A Unión Europea é, como vemos, un proxecto ao servizo do grande capital transnacional que busca liberar as decisións económicas do control democrático, reducir o sector público á súa mínima expresión convertendo as necesidades da sociedade en nichos de gaño do capital e centralizar as tomas de decisións alonxándoas dos pobos cunha estrutura nitidamente antidemocrática por definición, desde todo punto de vista irreformable. Non existe un “défice democrático” porque simplemente non existe nin ápice de democracia. Ningún dos debates relevantes sobre o proceso de integración foi debatido entre os pobos e as decisións de importancia tómanse en órganos alleos á vontade popular. A Comisión Europea ou o Banco Central Europeo actuan ao ditado directo do capital impoñendo unha folla de ruta neoliberal que nos leva incontestablemente á pobreza e á miseria como podemos observar nos demais países do sur da Unión, nomeadamente Grecia ou Portugal.
Mercado común europeo, ruína do pobo galego
Galiza é un país sen soberanía, dependente no terreo económico, político e cultural sendo esta unha realidade desde sempre pésima para a nosa sociedade. Un País empobrecido, que non pobre, por unhas políticas ruinosas e contrarias aos nosos intereses que danaron e danan os dereitos da clase traballadora e a base material da nosa economía. As políticas comúns agraria e pesqueira, os vetos á produción industrial, as privatizacións, o desmantelamento das conquistas sociais ou a progresiva desvalorización da forza de traballo foron medidas especialmente perxudiciais. O espolio da nosa riqueza condénanos á miseria ou de novo á emigración, cuxas dramáticas cifras cébanse coa mocidade onde máis de 100.000 menores de 30 anos marcharon da terra, expulsados pola precariedade e o desemprego.
Galiza é un País rico que precisa de capacidade de decidir sobre o seu para construirmos colectivamente a alternativa que precisamos: producir e vivir para termos un futuro digno na nosa terra. É unha realidade que o futuro estado galego non ten cabida na Unión Europea xa que non é posible defender unha Galiza plenamente soberana á vez que se mantén a integración en instancias ao servizo do capital. Apostamos pola cooperación entre os pobos, por unha alianza europea construída a partir da libre determinación e o respecto á capacidade de decidir de cada un deles.
A nosa aposta
Só o nacionalismo mantivo unha liña de oposición coherente á Unión Europea. En 1986 o BNG opúxose á entrada na Comunidade Económica Europea advertindo das consecuencias que tería esta nomeadamente para o agro. En 1992 opúxose con contundencia ao tratado de Maastrich que representaba a servidume ao grande capital trasnacional e no 2004 facendo campaña polo NON ao frustrado tratado de Constitución Europea. Unha actuación case en solitario contra o consenso mediático, contra a dereita, a socialdemocracia e o reformismo español que aceptaban o discurso dominante. O tempo, por desgraza, demostrou que as análises feitas nalquela altura eran as correctas.
Estamos inmersos nun proceso gravísimo de desmantelamento do país, cada día máis subordinado. É preciso, pois, facerlle fronte ao proxecto do gran capital que é contrario aos intereses dos pobos e das persoas, que expolía o noso aforro, que arruina a nosa industria, que empobrece á nosa clase traballadora e que nos nega un futuro digno e na terra. Defender unha alternativa clara, contundente e rupturista coas políticas que padecemos é vital para rachar coa folla de ruta do capitalismo neoliberal que nos foi imposta. Fronte á dependencia, dereito a decidir.
Por todo isto, desde Isca! pensamos que é preciso mostrar tamén a nosa oposición á UE por medio do voto, contribuindo da man de outros pobos a sumar esforzos en prol da liberdade das nacións e dos intereses das clases populares. Hoxe máis que nunca é preciso crear fendas no sistema, fortalecendo as alternativas que realmente cuestionan a raíz do réxime español e do modelo de construción capitalista europea. Por iso mostramos o noso apoio á coalición Os Pobos Deciden, protagonizada no noso país polo soberanismo de esquerdas que representa o BNG e que é a mellor alternativa para a superación do marco actual desde unha óptica nitidamente galega, que reivindique o noso sen ataduras, que defenda os intereses do pobo, dos movementos sociais, dos sectores produtivos e das clases populares agredidas. Os ataques recibidos por parte do sistema e os seus diversos altavoces son a mellor proba de que o 25 de maio, o BNG é o voto que máis lles doe.