No 71 aniversario da Vitoria. Fascismo nunca máis!

DiaDaVitoriaNo 71 aniversario da victoria da Unión Soviética sobre a Alemaña nazi, a organización xuvenil Isca! quer condenar a escalada fascista dos últimos anos xurdida ao calor dunha crise capitalista que está a levar a millóns de persoas cara a miseria e a marxinalidade.

1. O auxe do fascismo en Europa débese a súa instrumentalización por parte do imperialismo en época de crise

Após a queda do bloque socialista nos anos 90, unha nova onda de feroces ataques contra a clase traballadora xurdiu dos gobernos da oligarquía que anteriormente concederan numerosos privilexios por mor do descontento social e a existencia dun sistema político e económico alternativo en numerosos países do mundo, o socialismo.

Ao redor dunha crise económica e social que conlevou ao descenso de salarios, aumento do desemprego e pobreza acompañada polo alto nivel de corrupción na esfera do poder, moitos grupos de extrema-dereita obtiveron un rápido crecemento, caso do Jobbik húngaro, Fronte Nacional francés ou Amencer Dourado en Grecia.

As modificacións dos Códigos Penais aprobadas en numerosos parlamentos europeos que equiparan á ideoloxía comunista coa nacional-socialista, contribuíu na criminalización das ideas socialistas e reforzou aos movementos racistas e xenófobos.

2.Inxerencia imperialista e apoio ás forzas de extrema dereita e oligárquicas

Nos últimos anos, un novo grupo comandado polos países pertencentes aos BRICS e ao ALBA, ameazan os intereses dos Estados Unidos de América e os gobernos europeos.

A Ucraína, por exemplo, atópase inmersa nun proceso de descomposición do réxime oligárquico que ten como consecuencias as enormes dificultades para soster os servizos enerxéticos, educativos, sanitarios e sociais, acompañado dun gasto militar que se viu incrementado de forma alarmante nos anos 2014 e 2015.

No marco do golpe de estado de 2014 -denominado Maidán-, e auspiciados polo imperialismo, forzas políticas de carácter reaccionario procedentes da oligarquía ucraniana occidentalista e neonazis herdeiras das UPA – Exército Insurxente Ucraniano, colaboradores das SS nazis durante a Segunda Guerra Mundial- iniciaron unha escalada de violencia e represión política e xenófoba sen precedentes.

Svoboda e Pravy Sektor, representantes dos movementos neonazis, contan na actualidade cunha presenza importante nas estructuras políticas, económicas e militares da sociedade da Ucraína. Armados por Washington, instalaron un réxime de terror que borrou da sociedade á oposición política existente desde a caída da Unión Soviética. De novo, o fascismo é utilizado pola burguesía como alternativa perante a crise económica para garantir un modelo económico explotador e impedir unha saída revolucionaria.

3. Solidariedade co pobo traballador da Ucraína

Condenamos firmemente a aprobación por parte da Rada Suprema dun paquete de leis que ilegaliza de facto a ideoloxía e símbolos comunistas e eleva ao rango de heroes aos combatentes paramilitares anticomunistas. Xa o 23 de xullo de 2014 fora disolto o grupo parlamentario comunista impedindo por decreto as súas actividades parlamentares e levado paralelamente cara un proceso de ilegalización que se confirmou meses atrás.

Salientamos que esta decisión insírese nunha campaña de represión política xurdida ao calor do golpe de estado de febreiro de 2014 denominado Maidán.

Denunciamos a complicidade do imperialismo perante a nova onda de asasinatos, asaltos a sedes políticas e violación de dereitos humanos perpetrados por forzas fascistas neste país, do que son exemplos os crimes de Odessa ou os asasinatos de opositores e xornalistas en Kiev. Compre destacar as máis de 5000 vítimas froito da intervención militar no leste do país co obxectivo de instaurar un goberno pro-europeo e reprimir os movementos de oposición ao Maidán. A Unión Europea, NATO e os Estados Unidos de América son culpables de apoiar e fomentar esta situación.

Denunciamos a deslocalización de efectivos militares da NATO para os países do leste de Europa, medida que busca a confrontación coa Federación de Rusia e que pon en perigo a estabilidade na rexión. O fin destes movementos é promover os seus obxectivos xeopolíticos na rexión de Eurasia.

Por último, días despois do segundo aniversario da masacre no edificio dos sindicatos de Odessa facemos un chamamento á solidariedade co pobo traballador ucraniano, á loita contra o imperialismo e o fascismo. Condenamos a intervención extranxeira nos asuntos de Ucraína, o anticomunismo e os actos de desmemoria contra os monumentos soviéticos.

Imperialismo fóra!

Non pasarán!

Partíllao!

En Facebook
En Twitter
En Pinterest
Polo WhatsApp
Ou polo Telegram
Email

Deixa un comentario