Neste ano 2018 é o bicentenario do nacemento de Marx, teórico revolucionario e pai do socialismo científico. A súa obra é constamentemente atacada, demonizada, deformada e banalizada polos lacaios do capital, porén continúa a ter plena vixencia na actualidade. Aínda que algúns digan o contrario, a loita de clases segue presente, aínda que están a gañala os capitalistas. Así, aínda que algúns posmodernos anuncian que a clase traballadora vai camiño da súa desaparición, esta é cada vez máis numerosa, pois a burguesía segue a precisar a explotación do traballo humano para aumentar os seus beneficios. Sen embargo, para manter e reforzar a súa hexemonía, o capital recorre a negar e agochar a dominación de clase. Para iso conta con múltiples mecanismos. Por exemplo, o Estado burgués preséntase coma representante de toda a “cidadanía” (cando está deseñado para defender a hexemonía da minoría capitalista) e a “liberdade de prensa” é simplemente a liberdade dos explotadores para falsear a opinión pública e impoñer a ideoloxía dominante.
En termos políticos e sociais, se cadra o aspecto diferencial da obra de Marx e o marxismo en xeral, non é a crítica da explotación capitalista (partillada con outras correntes de “esquerda”) senón a saída revolucionaria proposta, froito da análise concreta da realidade concreta. Así, mentres o socialismo utópico apela á moralidade dos explotadores, o anarquismo acredita na desaparición do Estado após a revolución, renunciando así á hexemonía da clase obreira sobre unha burguesía que non desaparece tras perder o poder (persistindo a loita de clases e a necesidade dunha estrutura que garanta dita hexemonía) e os reformistas acreditan nunha imposíbel vía para a emancipación dos explotados, a través da xestión das institucións burguesas. Son tres exemplos de posicións políticas que poden chegar a ser críticas co capitalismo, porén carecen de alternativa para superalo e erguer unha nova sociedade radicalmente diferente. Só o marxismo asume plenamente o antagonismo de clase existente entre opresores e oprimidos, entre explotadores e explotados, defendendo a ditadura revolucionaria do proletariado como alternativa estratéxica. Isto é, o exercicio do poder político pola clase obreira, dominando á burguesía e camiñando face unha nova sociedade sen clases, na que si sería posíbel abolir o Estado.
Para poder camiñar face a ditadura do proletariado é unha condición fundamental que a clase obreira exerza como suxeito político, isto é, que pase de ser “unha clase por si” a ser “unha clase para si”, garantindo a súa independencia política e ideolóxica a través da vangarda revolucionaria. A toma de consciencia de clase polas masas traballadoras, é dicir, que asuman o papel histórico que lles corresponde como clase superando a alienación burguesa, é fundamental para que a clase obreira exerza como “clase para si”.
Esta xenial obra de Marx é reforzada e complementada posteriormente por Lenin e outros revolucionarios (a través da análise concreta da realidade concreta) que completan a obra marxista, nun novo contexto no que emerxe o imperialismo como fase superior do capitalismo, coa formación dos monopolios. Nesta etapa, os revolucionarios asumen que a contradición entre imperialismo e pobos asoballados é unha das principais manifestacións da loita de clases no mundo. Isto é aplicábel ao contexto galego, nación dominada polo Estado español e a Unión Europea, estruturas imperialistas responsábeis do espolio e a aniquilación do noso país e a súa base produtiva. No noso país a loita nacional e a loita de clases son indisociábeis.
Todo isto que acabamos de relatar poden parecer xeneralidades ou un vulgar teoricismo á marxe da práctica, sen embargo, a realidade é ben diferente. Se reinvindicamos Marx hoxe non é por unha cuestión de folclore, o marxismo é un guía para a acción. Aplicalo creativamente á realidade do noso país é a chave para avanzar face os obxectivos estratéxicos. Estamos nun momento de agudización da conflitividade social e laboral na Galiza, coa greve xeral nacional cada vez máis preto. Tradicionalmente, Galiza adoita estar á vangarda dos conflitos laborais no conxunto do Estado español (o que desmonta o tópico dun pobo galego durmido) pola existencia dun digno e potente sindicalismo nacional e de clase, representado pola CIG. Sen dúbida, as loitas económicas son fundamentais para defender os intereses inmediatos dos traballadores, porén, estas por si mesmas non son suficientes para crear consciencia política nas masas. O traballo das organizacións políticas nacionais e de clase, debe ser ligar o inmediato e o estratéxico, mais no noso país esas ferramentas aínda están por perfeccionar. Velaí o principal problema que dificulta o avance face a nosa emancipación como nación e clase.
Todas as tendencias oportunistas, dominantes na “esquerda” nacional (aínda que a meirande parte delas, non son exclusivas do noso país) son froito da hexemonía pequeno-burguesa sobre estes movementos políticos que teóricamente debían ser emancipadores. O reformismo, o autonomismo, o interclasismo, o sucursalismo españolista ou o posmodernismo, son síntomas do papel subordinado que ocupa actualmente a clase obreira no nacionalismo e a esquerda no noso país. Cómpre lembrar que a experiencia amosa que a pequena burguesía é incapaz de liderar un proceso de confrontación contra o Estado opresor, condición fundamental para acadar a independencia nacional, pola súa tendencia á conciliación nacional e de clase. Só a clase obreira pode chegar até o final na loita nacional-popular, xa que os seus intereses entran en oposición frontal co grande capital e o seu Estado imperialista, aliás, a hexemonía obreira sobre o proceso de liberación da Galiza tamén garante que este vaia dirixido face o socialismo.
A auténtica unidade popular no noso país non é a unión eleitoral co reformismo españolista para xestionar as institucións coloniais e burguesas, senón a alianza de clases populares, baixo a dirección da clase obreira, para acadar a liberación nacional de clase, a través dunha República galega independente ao servizo do pobo traballador.