Acabou o mundial, vai acougando por fin a orxía chovinista española e parece bo momento para que nós, os que en cada partido animamos a cada rival de España gustásemos ou non do fútbol, reflexionemos sobre o que supuxeron os acontecementos dos últimos días. Comecemos por aquí: nós, nacionalistas e independentistas galegos, fuximos do politicamente correcto e afirmamos que, en efecto, temos dúas seleccións: a galega e calquera outra que xogue contra España. Como a primeira non pode xogar por motivos de sobra coñecidos, ficamos coas outras, aínda que desta vez só Suíza puidese darnos unha alegría. Gozamos coas derrotas da que agora chaman “la roja” (antes roja que rota, dicían) porque ademais de non sentirnos españois, sabemos que é España quen impide a oficialidade das nosas seleccións nacionais, sabemos que o fútbol será usado con fins políticos moi concretos e porque non queremos que un deporte sirva para normalizar nas nosas rúas a presenza dunha simboloxía que rexeitamos, pois representa explicitamente a negación da nosa nación, Galiza.
A parafernalia españoleira ten un duplo fin: por un lado, quérese lexitimar o proxecto nacional imperialista español que cada vez está máis cuestionado -especialmente pola presión das nacións vasca e catalá-, tentando contrarrestar coa ditadura mediática un feito evidente: moitos súbditos deste estado non se identifican coa nación española, nin co seu rei nin coa súa bandeira e portanto tampouco coa súa selección. Non somos poucos, tamén na Galiza, os que non nos sentimos españois e reclamamos o dereito a decidir libremente o noso futuro como pobo -posibilidade actualmente vetada pola Constitución e os Estatutos de Autonomía-, así como a apoiar as nosas seleccións propias, impedidas de participar en competicións internacionais por culpa do estado español e no noso caso agora tamén proscritas polo goberno Feijoo. Por outro lado, é evidente que os éxitos futbolísticos do grupo de multimillonarios (e agora serano aínda mais, por certo) que defende as cores de España úsase como narcótico que adormeza aínda mais as xa bastante pasivas conciencias dunhas clases populares que están a sufrir unha nova agresión aos seus dereitos. Deste xeito, distráese as a atención das duras medidas económicas e sociais que se están a aplicar en favor dos mais privilexiados.
As vitorias de España serven, pois, para eses fins nada neutrais, e por iso sabemos que non é “só fútbol”, como din algúns inocentes ou demagogos. Ademais do dito, cómpre engadir que o clima imposto foi a escusa perfecta para que sectores claramente fascistas saísen á rúa a cara descuberta. Non é casual que as celebracións españolas en -por exemplo- Bilbao ou Barcelona teñan un marcado carácter anti-vasco ou anti-catalán, que se berren consignas contra os “catalufos de mierda” ou contra os “niñatos de HB” ou que se queimen senyeras. Tampouco sorprende o feito de que no noso país a euforia españolista teña rematado en agresións contra locais sociais nacionalistas, nin que un dos berros mais comúns sexa o de “yo soy español, español, español…”, que ten moito mais de proclama identitaria que de reivindicación deportiva. Fomos moitos os que comprobamos que durante os días en que as cores vermella e amarela (as mesmas que que Franco impuxera coas armas) tomaban as rúas, o simple feito de pasearse con simboloxía nacionalista convertíase nunha inaceptábel afrenta para moitos destes “siareiros”.
Porén, a marea españolista recuará de novo, sairán á luz inevitabelmente todas as contradicións e aí estaremos nós para axudar a que se vexan: que se vexa que o seu estado é un proxecto fracasado e irreformábel, e que fica cada vez mais claro que a única saída viábel para as nacións que o compoñen é a independencia. Que se vexa que existe un conflito lingüístico no marco do cal preténdese a aniquilación do noso idioma en favor do español, e que non imos permitilo. E por suposto, que se vexa que aos gobernos e á patronal non vai sairlles gratis a súa pretensión de cargar sobre as costas da clase traballadora a crise que eles provocaron.
Canto mais aumente a súa presión non farán mais que darnos novos motivos para seguir organizando a nosa resistencia e construindo as nosas alternativas. Agora seremos nós quen tomemos as rúas coas nosas bandeiras, que son de liberdade e xustiza social, precisamente todo o contrario do que representa ese farrapo vermello e amarelo co que durante tantos anos pretenderon afogarnos.